Da anatomía do tigre

myWPEdit Image

Por máis que a sensatez anime a túa mesura
E sexa a discreción, o siso e a cautela
A norma dos actos…
Por moito que o xuízo, o tino, o entendemento,
Alenten a prudencia, promovan o recelo…
Aínda que a reserva, a regra, a dignidade,
Conforten o valor do escrúpulo e a ética…
Nalgún lugar no fondo dos pozos do misterio
Resiste sen fatiga, feroz, ese animal
Que asoma algunhas noites na néboa dos teus soños:
A besta que persegue ferir ou lacerar,
Verter no sacrificio o sangue da inocencia,
Brutal crucificar as vítimas inermes.

Indómita, procura o mal da enfermidade;
Desgrazas e infortunios son gozos para ela;
Miserias e aflicións, deleites adorables.
Vivaz, anda durmida e só de cando en vez
Esperta e deambula, percorre a súa gaiola
E tenta derrubar a porta e evadirse,
Fuxir por entre as sombras, no escuro desertar
E darse a todo tipo de abusos e abundancias.

Ten ollos para ela. Non penses que deixou
Atrás o seu imperio, o tempo en que podía
Verter sobre esta hora un saldo ignominioso.

Advertisements