Outro poema máis sobre o solpor

myWPEdit Image

Todo arrastra o voo da luz.

Os lagos e as baías, os esteiros e os illós,
Presentan moitas tardes, contra a hora do ocaso,
Unha brétema acendida,
A ignición dos espectros que saíron camiñar,
Etérea inflamación.

Incineran a beleza, carbonizan o boato,
E, nos fastos de queimar este esplendor,
Esfumíñanse na noite, sempre espida.

Desta cruel apoteose, desta pompa funeral,
Non salienta máis grandeza que a do espazo que se afunde
E a das horas que se perden como un líquido escoando.

Todo arrastra o voo da luz.

Os que temos a fortuna de levar nave lixeira
Entre o mesto neboeiro
E dispor o rumbo exacto cara ao fondo da baía
Vemos sombras e espantallos e quimeras
Calcinados sobre as ondas,
E hai enxendros, sombras, ánimas e meigas,
Que esvaecen para sempre aniquilados.

Todo mostra o sol que vence.
Todo arrastra para o Hades.

Na noitiña a brisa fresca enche a vela do navío.
Marca a luz o tempo exacto para ollar o que perdín.
As efixies que aínda fican sublimadas entre a néboa.
E despedirme.

Velaí quen debuxou cos seus ollos a derrota.
Velaí quen foi furtado para sempre
E afundiu como este sol,
Ulcerada expiación, dolorosa chaga.

Advertisements