O (pouco) que sei de Cleopatra

myWPEdit Image

Das noites que pasei con Cleopatra
E souben do seu corpo arrebatado
E tiven a certeza de que a hora
Insólita se erguía como un froito,
Conservo aquela estraña en que soubemos
Borrar das nosas peles o desexo,
E sermos claros como a auga.

Das sombras que encontrei en Cleopatra,
Amante do seu ventre iluminado,
Na dúbida e na fe, na convicción
De ser un recluído, un galeote,
Relembro a que fulxía como un lume,
Viveza dunha ollada nebulosa.

Das noites que abracei a Cleopatra,
Espida, sen máis roupa que o manto do cabelo,
Sen outros atavíos que a capa das sombras,
Coa brisa nocturnal por toda vestimenta,
Os labios gorentando o cálice da alba,
Regresa agora o viño que verte a miña historia,
O extracto dunhas pingas a daren a substancia.

Da noite en que partín con Cleopatra,
Veloces sobre poldros ordinarios,
En busca das planicies, as chairas e as sabanas
Que bañan grandes ríos cara a oriente
Recordo aquel espectro da lúa como un signo
De espantos ancestrais
E a flor que a reflectía no cumio da cabeza
A chama singular, o vértice ou a cresta,
Brillando sobre o mar
De Mármara en agosto.

Advertisements