Pilotaxe do Inferno IV

myWPEdit Image

Os poetas o que somos é barqueiros no Aqueronte.
Cada viaxe, unha metáfora.
Nunca paras de levar
As palabras desde unha a outra ribeira,
As palabras consumidas, catalépticas, sedadas
As palabras que van rumbo do final
Xa letárxicas. durmidas.
Xa palabras paliativo, linimento ou analxésico,
As palabras que sobraron e as que están realmente mortas.

Os poetas e os barqueiros temos néboa para ver
E despois da néboa, brétema e fuscallo,
E as palabras que se tiran desde a borda
Ou que mostran chagas tristes a sangrar pola cabeza.

Mesmo igual que algúns barqueiros temos días para andar
Polas augas da lagoa
Como as aves que aquí pousan o corpo fatigado do seu voo
E esparexen paus e follas sobre un niño
Ou tardes en que o sol brilla moi baixo
E difunde a irisación do crepúsculo no abismo
A cromática funesta do tártaro, do averno.

Os poetas e os barqueiros morreremos ao final
Carretando algunhas flores
E algún día baixaremos da falúa
Pra ficar na outra ribeira
Onde dormen os vocábulos
E hai un longo cemiterio
Con selos, marcas, timbres.
E lemas, rúbricas e títulos.

Co permiso de Joachim Patinir, autor do cadro que nos ilustra, non só visualmente

Advertisements