Cicatrices, non tatuaxes

myWPEdit Image

Somos rozamento, frotación, desgaste de contacto,
Colección de cicatrices, inventario de chagas. 

 

A primeira cicatriz vai comigo debuxada
No interior da perna esquerda.
Non ocupa e non a sinto.
Só un deseño como un mapa. Un trazado
Da fortuna sobre a carne infantil.
Unha especie de medalla
Nos meus delirios épicos.
Deixoume sen brincar durante meses
E pasei moitos recreos melancólico.
Curou e foi caendo
Cara ao mar do esquecemento.

A segunda tardou tempo. Varias décadas acaso.
Desta volta era obrigada, imprescindible.
Necesaria como a chuvia.
E foi furando polo centro do meu torso.
Tardou noventa días en curtir.
E mantívome semanas do diván para o xergón
Da cadeira para o leito.
Conseguiu que o corazón resucitase.
Un regreso do vigor e a resistencia.
Non se ve. Mais é evidente.
Vai oculta entre a peluxe
E é un orgullo militar,
Pavillón dos descalabros, divisa dos fracasos.

Son tatuaxes construídas polo río da existencia,
Engadidos do meu corpo que dan conta do devir,
As pertenzas e a facenda do tempo sobre a carne.
Propiedades do misterio sobre a pel.
Posesións da sombra.

Cicatrices de vangarda que restauran o meu corpo.

Sibilinos trazos do ronsel do acontecer.

Advertisements