Pedras

myWPEdit Image

Hoxe levo sobre o lombo sete pedras de misterio.

A primeira está disposta por enriba das costelas.

Ten o frío dos meus mortos. Canto foi e esvaeceu.

A segunda e a terceira premen forte sobre os ombros.

Levan peso da existencia, case, case insoportable.

A cuarta, máis abaixo, está centrada sobre a espiña.

Doe tanto e tan agudo que só pode levar dentro o abandono e o fracaso.

A quinta é máis lixeira mais preséntase punzante,

con vontade de ferir,

o quebranto do país polos séculos dos séculos.

A sexta, no remate da columna,

é tamén como un castigo polo erro dos meus rumbos.

A sétima e final está disposta na caluga. Non me deixa nin pensar.

Leva lustros a roerme os alicerces da razón

e estou certo que algún día

ha tirar o templo enteiro devolvéndome ao silencio.

Sete pedras, sete chagas, sete liñas

Para o mármore final.

Xunto ao alto ciprés.

Advertisements