Estadea II

myWPEdit Image

Debo, insomnio, celebrarte
Se regalas horas limpas coma esta
En que un libro se converte na mellor das compañías.
Virxilio, Eneida VII, Descrición do Idilio,
Omnia gaudent Terrarum et coeli
Ridere videtur apertis Aethra polis.
Glosando o escrito antes por Teócrito.
E unha luz na madrugada esparexe a calidez
Do fogar e a intelixencia.

Son feliz cando alumeas
o meu curso polos días
e esparexes pola noite a túa brancura
camiñando sobre páxinas,
a rebolos entre letras.

Libros hai que me acompañan
como amantes polos leitos,
libros longos que prosperan co fluír da madrugada
e esvaecen ao chegar o amañecer.
Libros noites de brancura, libros lámpadas gañados
na aventura preguiceira do durmir,
libros torres que ascender para ollar desde o máis alto,
libros voo como azoteas.

Feliz quen logra ler nas horas dos insomnios
e mira xa vertidos no interior da súa conciencia
longos sulcos de discurso achegados doutro insomnio,
epístolas de insomnes para insomnes,
como un vello labrador que se aventura
na coleita doutros campos
e combina o doce froito dos seus soños
cos sabores regalados do lindeiro.

Debo, noite, condenarte
Cando espallas o temor nos pesadelos
E nas sombras da conciencia volven seres apagados,
Xente exánime e caída,
A cobrar antigas débedas.

Advertisements