Estadea I

myWPEdit Image

Van sen rumbo os falecidos cando empezan a vagar.

Concluída a súa viaxe polo mundo,
Xa cadáveres, camiñan pola néboa.
Non procuran a xustiza nin tampouco a redención
Nin sequera unha vinganza.
Só constatan que existiron,
E transportan o seu facho polo monte escurecido.

Van inertes, preguiceiros, vagamente
Divagando nos camiños imprecisos.
Percorrendo os cemiterios e as lagoas,
Sombras murchas e espectrais
Que repousan polos cruces dos camiños
E conducen novos mortos cara ao acaso.

Levan luz de néboa branca e unha brétema de lúa
Sobre os lenzos albacentos dos sudarios
E percorren polas gándaras un silencio de illós,
Lamas frías das lagoas polas beiras xunto á herba.

Empregan pó de cal, fariñas que esparexen ao pasar,
E propagan, diseminan e derraman
Un efluvio corrompido de materias que roubaron
Veloces na vertixe dun alento fermentado.

Van sen rumbo e sen vagar, ulcerados, descompostos,
Son lexión de corpos fétidos e inmundos,
Grea séptica e errante.

Advertisements