A un meu fillo en previsión da apocalipse



tumblr_m1753kDsbm1qbeumgo1_500





I know that I shall meet my fate
Somewhere among the clouds above.

W. B. Yeats





Acaso importe pouco que o mundo se derrube.
Acaso nada teña máis valor.

Deposto e destronado o globo se dirixe,
Virando pola sombra do espazo numeroso,
A encher o ceo de voltas, viravoltas e trasvoltas,
Distancias e solturas de voos na inmensidade,
Sen rumbo nin obxecto, voluble e pueril.

Acaso pouco importe que abafe este planeta,
Que o lapso fortuíto dun percurso de séculos
Alén do comprensible e do preciso
Permita que os rotores dos astros aínda roden
E o baile de Saturno nos afunda
En longa inspiración.

Que o sol vaia murchando, que cesen as estrelas,
Extínganse as galaxias, conclúan nebulosas.
Que todo apure xa no cálice final
A pinga derradeira,
Acaso importe nada.

Mais que o escuro ou a embriaguez tisnen a túa ollada
Ou a néboa que limita os contornos das cousas.
Ou a sombra que perturba a claridade,
Iso nunca ha ser posible.

Que os teus ollos viren sempre como lúas no remate
Dunha órbita acertada
E unha eclipse desdebuxe o que neles poida haber
De fatigas ou de medo.

Que se expanda outro universo desde ti.




Advertisements