Le bateau sur le Léman

myWPEdit Image

Todo isto que che conto e que ti tanto valoras,
Nestas lentas confesións que levo a cabo
No tempo en que me asiste algunha luz,
Non son máis que habilidades, argucias ou enganos,
Pequenas estratexias de palabras suxeridas
En boca dunha voz que se revela
E acaso, coma ti, non quere darse conta
De todos os embustes, tamañas falsidades,
Que pode acometer quen brinque coas palabras.

Ben sabes que hai hipérboles, metáforas,
Que chegan mesmamente a producir
O voo dunha emoción. Vocábulos perdidos
Que abrazan todo aquilo que lles lembra
O triste, o macilento, o murcho ou o estragado.
E termos, expresións, que emerxen desde a noite
Para vernos chorar. Incertas elocuencias
Que teñen por segura a turbación,
Que tenden ao sombrío, ao fúnebre, ao severo.

Mal sabes, pola contra, do tedio e do sopor,
Das néboas de fastío,
Do fume e dos vapores da tristeza.

Que pésimo negocio. Que fácil a ruína.
Celebro que apostases por min naquela hora
Da antiga mocidade. Que tiveses a loucura
De seguir dilapidando a existencia á miña beira.
E que agora solicites na brétema unha nave.

Que escuro está o Leman. A cidade de Xinebra
Acende na distancia o seu brillo de pequena metrópole.
E eu vexo nesta hora, tan discreta, un cénit de esplendor.
Son fermosos os percursos polos lagos cando empeza a anoitecer,
Cando se ergue a brisa fresca do final da xornada
E un vento de fortuna acariña os nosos rostros.

Advertisements