Fundación do clasicismo

myWPEdit Image



Dos homes que fun sendo ao longo da existencia
ningún máis inquietante que aquel que ollou un día
as ruínas de Éfeso.

 

Gardábamos o templo
da deusa da vendima.
(Oh Melos, ebriedade
Da música, do baile,
Nai da morta melodía,
Un pulo de voar no corazón)
E nas noites estreladas
danzábamos sombríos
no alto da linguaxe.
Felices e acollidos debaixo das columnas,
Mirábamos o día sen presa por partir,
Pasábamos a tarde errantes de nós mesmos
A ollar para a xornada.

E un día decidimos percorrer
As vías e camiños que levan cara a Oriente,
Deixar atrás meandros, derrotas e sendeiros
E, xa no itinerario, seguir nese traxecto,
No rumbo dun percurso de aguda travesía,
Na senda dos que foxen dos cólicos do mundo
E parten cara ao fondo da India na distancia.

O arrouto cara ao lonxe levounos a Anatolia.
A furia, o magnetismo, que brota do distante.
Felices do arrebato, exánimes e lánguidos.
Anémicos de rumbo, vencidos de fatiga.
Rezando estraños mantras, orando con cancións,
Pregarias e mutismo.

(Non hai mellor viaxe
Que aquela que se fai co sentimento.
E todos xa sabemos
Que o mar dos signos é moi tormentoso.
Non ten outro destino que o naufraxio.
Encontrarlle algún sentido é dar cun continente.
Só cabe navegar).

E velaí que apareceu o lóstrego de Éfeso,
Oh Éfeso a brillar, oh pedra baixo o sol,
O día en que fundamos de novo o clasicismo.

Advertisements