Cidade de Saturno III

myWPEdit Image

En Manhattan por setembro vai moitísíma calor
E a cidade ferve absorta de ebriedade
Desde o asfalto até o cemento,
desde a pedra até o cristal.
Os errantes deambulan ou procuran un lugar
recollidos pola sombra
E os magnates chegan tarde, fariseos do negocio,
á súa cita coa fortuna.
Nos teatros, nos concertos, xa se venta o novo curso.
E hai modelos, limusinas, campións de puxilato…
Toda a tropa que rodea o glamour dos cartos fáciles.
Tantas cousas para ver. Que por veres non ves nunca
nin sequera o propio rostro.
O teu rostro de cansazo.
Os teus ollos que soñaron con chegar
A fuxir de todo isto.
Tanto escoitas tanto les tanto ferve a túa cabeza.
Voan dólares no vento.
E a beleza, omnipresente, está abafada pola dor.
Por un luxo elemental compracente co máis clásico.
Nos museus viven detidos
templos gregos como obxectos,
templos presos, presidiarios. E inocentes.
E os poetas en setembro, por Manhattan,
nunca saben que tomar.
Piden cócteles, tisanas, refrixerios,
e rematan por beber bendita auga.
Xa non queren derrotados.
Vagabundos sen máis rumbo que a derrota dos seus pasos.

Advertisements