Cidade de Saturno I

myWPEdit Image

En Manhattan aluguei un pequeno apartamento

Na exacta confluencia do Soho e China Town.

 

Tiña enteiras as xornadas para andar pola cidade

Camiñando sen destino até o linde da fatiga.

E vagaba horas e horas solitario, pensativo,

A compor breves poemas e tirar algunha foto.

 

Era o núcleo da existencia o que alí se me ofrecía

Nel mezzo del camin. Era o centro da mirada

O que o mundo me vertía sobre o rostro.

Era un cólico de vida, de brutal acontecer.

Porque iso era a cidade na altura en que eu andei

Para arriba, para abaixo, as súas longas avenidas.

 

Non recordo case nada porque o tempo vai minguando

As imaxes na lembranza. Mais das fotos que tirei,

Documentos de fulgor, hai algunha que conserva

Aínda nítida a viveza, ese lóstrego do enigma.

 

Era o tempo en que curaba dolorida a cicatriz

Das súas torres derrubadas.

Unha época de chagas e doenzas.

Un enorme formigueiro bulicioso até a fatiga

A enerxía concentrada do planeta.

Nese tempo eu era amigo de fuxir

E Manhattan pode ser fugazmente unha fuxida

E tamén unha prisión.

 

Todo seres fuxidíos que se cruzan no misterio

Dos camiños infinitos. Como un puro acontecer.

O lugar onde tropezan do tempo as espirais

Unha illa arrebatada polos anxos despegando

Un quebranto para a lei da gravidade.

Unha pura continxencia.

 

Nunca souben que facían por alí

Nin aquel que me ocupaba

Nin aquel que outrora eu fun.

Todo xente derrotada, vagabundos sen máis rumbo que a derrota dos seus pasos.

Mais o certo é que levaban unha lúa no interior

Orbitando polo espazo da mirada

Un satélite sombrio na deriva dunha certa inspiración.

 

Na cidade de Saturno.

Advertisements