Guía do secreto país

myWPEdit Image

Se coñeces o país onde agrela o limoeiro
E no verde escuro brota o ouro das laranxas,
Onde o buxo por decembro gaña grave irisación
E un espectro determina os pigmentos das hortensias…

Se coñeces, digo, ese país e non sabes onde está,
Non coñeces os camiños que conducen á fronteira
Nin recordas como un día deambulaches por alí
Cando agosto proxectaba cenital o seu dominio
E no río peregrino percibíase o rotar das coroas do universo…

Se coñeces, digo, esa nación, ese imperio derrotado,
Esa terra malograda de fastío,
A provincia sen contorno, a comarca sen sombra,
Ese chan sen territorio, ese reino consumido,
E non dás con el andando, nin soñando,
Nin buscándoo no teu mapa…

Pode ser que, coma min, andes confusa polo mundo
E precises outro rumbo, outro compás,
Para dares co lugar entre as pedras milenarias.

Mais se queres chegar antes, é moi fácil o camiño.
Procura algún lugar de torrentes e regueiros,
Ou de fontes e secretos mananciais.
Fecha os ollos e verás como está dentro de ti,
Nalgún remoto espazo que esqueceras,
Pola zona dos sombríos territorios e as nocturnas ruínas,
Pola parte en que o misterio faise amante do desexo.

Velaí o que buscabas. Nunca máis volvas partir.

Advertisements