JAMBOREE

myWPEdit Image

Daquela abrín os ollos e vin que o mundo ardía.
Estaba amañecendo.
Atrás ficara a noite co seu longo pesadelo,
Cos seus batracios de amargura,
Cuadrúpedos de espanto,
Elefantes de aflición.
Atrás, aquel alcázar dos segredos,
O castelo das elipses,
A mansión das afonías.
Atrás, aqueles vermes do martirio,
A serpe do suplicio,
O réptil da tristeza.

Por diante se mostraba, idéntica a si mesma, a senda do entusiasmo,
Idéntica á calzada do delirio,
Idéntica á avenida da euforia.

Que espida andabas ti naquel traxe de gala,
Aquela indumentaria desprovista,
Aquela vestimenta descarnada.
E eu co meu abrigo, igual que se chovese,
O mesmo que se as nubes vertesen no gabán
Tristísima inclemencia,
Poalla sen fin,
Tabardo dos enigmas, capote dos escuros xeroglíficos.

Recordo que baixamos, recato e discreción,
A dármonos apertas pola praia
E foi un longo ciclo de alborozo,
Un prazo de oportuna exaltación,
Toda unha xornada.

E foi entón cando soaron os bronces máis agudos,
Timbres e campás,
E vimos que pasaba desfilando a música en carrozas,
O vento que afinara o seu rumor.

Advertisements