Intencións

myWPEdit Image

Das borras que deixaron os anos na linguaxe.
Das dársenas que pintan os viños pola mesa,
Do pan que coce a noite, e dos misterios do espello,
Direi, algo direi, se as sombras e o silencio
Mesura e harmonía, tamén moderación,
Frugal austeridade e sobria continencia,
Non piden que execute. Suplicio sen martirio.

Dos vellos cereais que aquecen polo escuro,
Dos diques que perfilan licores sobre o chan,
Das tebras que percorren as arcas do mutismo,
Direi, algo direi, se o tempo mo permite
E as dores non me inclinan de máis para cantalo.

Non outros os designios que levo nesta empresa,
As metas do percurso, os fins da camiñada.

Advertisements