1978

myWPEdit Image

Eu tiña por entón a barba florecida

de marxismo e de tristeza

e algúns poemas orbitando

arredor da cabeza.

As tardes en que o inverno deixaba aparecer

anacos de ceo limpo

saía a dar paseos nos montes do misterio

oíndo algunha música,

cancións que o tempo logo foi murchando,

a eterna sinfonía da néboa que non cesa.

E foron de vagar pasando aqueles meses.

Igual que unha palabra.

 

Naqueles altos predios a xente non durmía.

Deixaban que un insomnio de séculos lle abrise

de par en par os ollos. E andaban toda a noite

ollando para o escuro. Vertían polas horas

un lume de silencio. E nunca recollían

as cinzas que deixaban. O pánico caído

nos vómitos de sombra. E o brillo misterioso

das pedras na distancia deixaba que mirases

o mundo desde as tebras.

 

Eu era por entón un home inda recente

e tiña unha carteira con cartas oxidadas,

papeis enferruxados e cólicos escritos,

incertas notacións de cousas que pensara

e líquidos vertidos nalgunha noite ebria.

Tamén dispuña ás veces dun carro algo cansado,

vehículo que daba percursos polas praias,

do estío ata novembro.

 

O resto era fortuna e ganas de vivir.

A cruel felicidade que verte na nostalxia.

A hora cenital dun círculo confuso.

Advertisements