NA TEBRA DA LINGUAXE

myWPEdit Image

É falso canto diga sobre min

Un tráxico relato, unha mentira.

Xoguei a ser falaz, sen tempo para verme

No espello onde ecoaban as músicas do escuro.

E, pedra sobre pedra, cos anos fun erguendo

Castelo e baluarte, implícita prisión.

(Aquilo que te salva tamén pode virarse

de novo contra ti, tentar asasinarte).

Por iso fun a un tempo amigo e inimigo.

E foi prevalecer a lama sobre a herba,

O dano sobre a cura, a chaga sobre a pel.

Mais souben que era urxente unha verdade.

Do fondo daquel pozo subiu unha auga limpa,

Clamor que arrebataba o voo da miña sede,

A luz que derrotara lexións de escuridade.

E estou mellor así. Seguro no relato

Da dúbida incesante. Na tebra da linguaxe.


Advertisements