NA TEBRA DA LINGUAXE

myWPEdit Image

É falso canto diga sobre min

Un tráxico relato, unha mentira.

Xoguei a ser falaz, sen tempo para verme

No espello onde ecoaban as músicas do escuro.

E, pedra sobre pedra, cos anos fun erguendo

Castelo e baluarte, implícita prisión.

(Aquilo que te salva tamén pode virarse

de novo contra ti, tentar asasinarte).

Por iso fun a un tempo amigo e inimigo.

E foi prevalecer a lama sobre a herba,

O dano sobre a cura, a chaga sobre a pel.

Mais souben que era urxente unha verdade.

Do fondo daquel pozo subiu unha auga limpa,

Clamor que arrebataba o voo da miña sede,

A luz que derrotara lexións de escuridade.

E estou mellor así. Seguro no relato

Da dúbida incesante. Na tebra da linguaxe.


Advertisements

Open door

myWPEdit Image



A porta segue aberta no fin do corredor.

Alguén deixouna así nun conto ou nun poema

E verte para o abismo borrallas de misterio.

Un barco, unha tormenta de outono, un vello pozo,

Materias que abril pousa no sur do esquecemento,

Ingresan por alí caendo polo inverno.

Sutil o magnetismo dos espectros,

Absorto na linguaxe soaba un clarinete,

Medía a luz da tarde, soñaba con imáns,

Compuña os inventarios da ruína:

Acaso unha fortuna que murcha atesourou

O tempo do declive dos imperios.

A música que acende partículas de vidro

Nas cordas que penduran do alto dos roupeiros

E deixa engalanados os líquidos da tarde.

Derrota de Antón Bruckner no fin da sinfonías

Na luz que desafina nos límites de agosto.

A porta segue aberta no fin do corredor.

Se alguén a fecha un día morreremos.

Novas descubertas sobre o cólico

myWPEdit Image





O cólico durou o que dura un longo inverno.

E os lugares que habitaba

Derrubado polas sombras

Pertencían ao teatro dunha música opaca

A verterse nos pozos deprimidos

Nun silencio de angustias e derrota.

O cólico duraba.

Era o signo dunha árbore fendida polo vento

Que a morte debuxaba en camiños de penumbra

Nos días como chagas ou feridas de febreiro.

Mais aos poucos fun sabendo

Que podía acontecer.

Nos túmulos que falan dos corpos dos vencidos,

Nas augas río abaixo,

Uns ollos orbitaban como lúas escuras.

Que todo fora entrando xa no asombro e na ruína.

E era a vida que me ollaba do outro lado da tristeza.

Da feliz deambulancia

myWPEdit Image



Só quen anda transeúnte por hoteis e residencias

E coñece as humidades deses leitos percorridos

Por cen corpos anteriores; só quen bebe das redomas

Tristes líquidos erguidos desde un pozo solitario

E convén que as augas levan unha galla de oliveira

E un vello son de frauta

Coñece o mundo aos poucos e déixase levar

Por fondas e pousadas seguindo o aroma quente

Dos fornos e dos caldos.

Feliz quen deambula por camas de pensións.