Imperio

empire

 

Como a aguia que se deita do alto dunha torre

E vai pairando aberta sobre a chaira

Debruzada na caída sobre o mundo

E alí persegue agora sutil un movemento

Que acenda o seu instinto e a proclame

Voraz como un coitelo, ferida sanguinaria,

 

Así quen dixo outrora daquilo que perdura,

do pan que foi servido nas ceas do naufraxio,

de insomnes bebedizos que veñen acender

os límites do mundo,

do vidro que inza o vento con follas e palabras.

 

Que o escuro se debruce sobre el

Nas terras e nos lentos camiños do solpor

Cun ton máis acendido e nítido brillante,

Compondo o seu piano de teclas posuídas

Por tardes sobre os campos,

E faga do seu verbo

Na torre dos enigmas

Silente frauta azul de incerta melodía,

Inútil e imprevista como a chuvia,

Feliz de ver agosto impondo o seu imperio

Advertisements

Virada

7431881496_061fc80e3c_z

Mergullla o tempo morno esa nube no horizonte.

Faino lenta antigamente como outrora hai moitos anos

e dispón o corpo orondo nunha áurica linguaxe.

 

Todo muda. O mundo é

ese magma que acontece.

Unha fonte que se verte

sobre a auga doutra fonte

como un río que despois

chega a un río na distancia.

 

O mundo é unha distancia que se perde.

 

E esta nube, este horizonte

leva fontes, tamén ríos

que moi logo irán verter

sobre tempos que inda dormen.

 

Todo muda. O mundo é

esta tarde que esvaece.

OFRENDA CEREAL

tumblr_m2v7q88GvY1rqfti6o1_500

Na sombra dos roupeiros, na tebra dos caixóns,

Escuro como o sangue da terra ou dos cabalos,

O sol sereno acende as aves consteladas,

Mollado polas augas de agosto,

O tempo como un vidro solemne que agoniza,

Os meses a afundirse nos pozos do fracaso.

 

A lúa nos sepulcros e os verbos derrubados,

Os libros en que dormen palabras case murchas ,

Son signos desta idade da flor do esquecemento,

De lóstregos rompendo os círculos da historia,

Da negra sinfonía das pedras melancólicas.

 

Adeus por unha estrada de brétema e carbón,

Adeus por entre os carros ataviados con hortensias

Erguendo unha bandeira de ruína,

 

Adeus, industria breve, ofrenda cereal,

Depósito de insomnios e loucura.

PAÍS

surreal_landscape_1280x800

 

Encadeadas pola historia a este solpor

Entre a frouma que as acolle xunto ao cerne do inverno

(Un estreito horizonte de poeirentas encostas,

O chan enxoito das vías como unha enferruxada caricia,

A longa hora dubidosa)

Camiñan entre as néboas de Hibernia,

 

E teñen nos roupeiros

Gardados mil enxamios

De lume azul mariño,

Bandeiras como sombras

De auga e movemento

que ferven chaves vellas e lama e refugallo,

sen panos que lles sequen as bágoas de tristeza.

 

Son nubes do ceo vago,

Confusa carnación

Dos aires sobre a terra,

Silentes apetitos de aves que transmigran,

As costas do silencio, abril desde a distancia.

 

Algunha foi pensar, oh Santa Noite excelsa,

No tempo como un vidro que se quebra

Despois daquelas horas que brillan sobre os mapas,

Ao pé daquelas casas tan baixas como a sombra,

Que outubro eran os ventos do ano consumido.

 

Mais nada é certo agora:

A luz como unha chaga purulenta.

DISCURSO DE TRASALBA

trasalba_1

 

lido o 30 de xuño de 2013 no Pazo de Trasalba na presentación do libro de Ramón Otero Pedrayo Xeórxicas do pan, publicado pola editorial Galaxia en edición de Silvia Penas, durante o acto de entrega do Premio Trasalba á gaiteira, galega e universal, Cristina Pato.

O xenio do centéo, adusto e grave

Vaga por as antigas carballeiras

Y-os espallados ermos onde o vento

Xostrea insomnes bultos de penedos

E briza o espello morto e cristaiño

Dos illós silenzosos. Por as gándras

De armoñosos piñeiros povoadas,

Por as bravas encostas que as frieiras

Rachan con tolo ecoar nas invernías

E nos chaos ondeados que dos outos

Miran o longo mimo das ribeiras.

Como miran antergos os petrucios

O vizoso medrar dos ledos netos,

Atoparás o xenio homilde e rexo

Do galego centéo, ouro invernizo

Das esencias do roxo heroico froito,

Gala da serra, e do traballo esgrevio

Recompensa e consolo.

Con estas palabras, publicadas por primeira vez en 1946 na revista do Instituto Xelmírez; en 1952, nun número monográfico de Grial dedicado a Otero, e en 1957 no volume III da Escolma de poesía galega de Franciso Fernández Del Riego, mais logo desenvolvidas e continuadas, polo que parece ad infinitum, nun proxecto sen fin que Otero deixou inacabado, comeza unha das aventuras poéticas máis sobranceiras de toda a nosa literatura contemporánea. Esa aventura, logo de diversas peripecias e continxencias, está hoxe nas súas mans a disposición do público lector por medio da edición levada a cabo polo Consello Social da Universidade de Vigo, en colaboración coa Fundación Penzol, a Fundación Otero Pedrayo e o contributo técnico e profesional da Editorial Galaxia.

A principios de setembro de 2011 un pequeno equipo de investigación formado por Ana Belén Crespo, licenciada en Filoloxía Galega e investigadora, xunto con Silvia Penas, tamén licenciada en Filoloxía Galega e investigadora, e dirixido nas súas tarefas por un servidor, (ao amparo do grupo de investigación GAELT da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo, que ten como investigadora principal á profesora Camiño Noia e co financiamento do Consello Social desa Universidade), asumimos o reto, chegado a nós desde a dirección da Fundación Penzol, de pórmonos a investigar o voluminoso conxunto de textos manuscritos de Ramón Otero Pedrayo que esa fundación posúe, como herdeira legal do espolio oteriano. Entre os numerosísimos textos inéditos de Otero Pedrayo que manexamos ao longo da nosa procura, salientaba un de caligrafía espléndida e coidada que, fronte ao conxunto de cadernos de notas, escritos moitos deles a lombo de transportes públicos, por estradas de pavimentos manifestamente mellorables, cunha caligrafía ondulante e barroca ata o indicible, parecía estar a chamar a nosa atención desde o fondo dos tempos, como se a voz do gran escritor que morou tanto tempo nesta casa e o noso humilde equipo de investigación, tivesen unha cita secreta que ía desenvolverse nunha das salas de investigadores da Fundación Penzol.

O noso interese inicial por este texto viuse, se cadra, incrementado coa aparición de dúas versións máis, subministradas polo persoal da Fundación Penzol, sempre atento ás nosas demandas e, o que é máis importante, partícipe da nosa paixón polo proxecto que estabamos a iniciar; versións, digo, que daban conta dun proceso continuado de amplificatio, desde os 772 versos da primeira das versións ata os 2.401 da terceira versión, pasando polos 1661 versos da versión intermedia. O conxunto resultounos desde o inicio unha xoia para a historiografía literaria e unha peza de incalculable valor para o patrimonio cultural deste noso país. Máis unha vez, o misterio insondable da poesía: unhas poucas páxinas escritas sesenta anos atrás, exercendo sobre nós unha fascinación e un poder de pregnancia que as convertía nunha alfaia irrepetible.

Estamos diante dun texto que é unha especie de cumio e tamén de colofón a toda a obra literaria de Otero. Cumio porque a súa calidade é indubidable e sinala a irrupción de Otero como un dos grandes poetas do noso S. XX. Colofón porque este texto foi escrito durante o período máis duro da posguerra e é unha mostra intempestiva do proxecto íntimo e irrenunciable de Otero como voceiro dun país e dunha época. Otero semella estar a escribir para si mais ten, tamén, como interlocutores a unha ducia de perxonaxes que a forza de seren frecuentados nas súas lecturas e pensamentos formaban parte xa do seu círculo máis íntimo. En primeiro lugar a Publio Virxilio Marón, o autor da Eneida, máis tamén das Églogas e das Bucólicas e, por suposto, das Xeórxicas, ese extraordinario poema no que logo de vinte anos de guerras púnicas, o poeta convoca aos soldados desmobilizados a regresar ao campo, relatando os pormenores deliciosos da súa habitabilidade e o grato da permanencia nel. Tamén están os recordos da súa formación como xeógrafo e a aprendizaxe do método krausista de descrición da paisaxe. Tamén o movemento da literatura idílica en lingua galega, con Antonio Noriega Varela e Ramón Cabanillas, mais tamén Aquilino Iglesia Alvariño, Álvaro das Casas, Xosé Crecente Vega. E, por suposto, a súa fascinación pola filosofía de Henri Bergson, que lle outorga unha gran parte da súa entidade ao conxunto.

O poema é, ademais, unha mostra do peculiar culturalismo oteriano. Otero non concibe unicamente a cultura como civilidade, ao xeito burgués, a cultura como formación amoreada logo dunha etapa intensa de estudos; a cultura, por tanto, como privilexio e como trazo social distintivo, senón, e sobre todo, a cultura como identidade. E dáse o paradoxo de que, para achegarse a esa segunda perspectiva da cultura, vai precisar botar man da formación máis erudita e da investigación máis requintada. Temos, por tanto, un culturalismo identitario no sentido de que só desde a ideoloxización da cultura recibida, desde a análise crítica da cultura recibida, moitas veces como propaganda, é posible o encontro con esoutra cultura recibida como herdo, como patrimonio, atinxible mais tamén inatinxible, da propia nación.

A formación xeográfica de Otero está implícita na súa espreita da natureza, vivida como unha experiencia sentimental, cousa que ten levado a algúns autores a falar de “xeografía estética” e de “xeografía viva e espiritoal”.

Non é Bergson, desde logo, o único filósofo que aparece mencionado ou glosado na extensa obra do polígrafo ourensán, toda vez que son numerosas as ocasións en que aparecen citados outros autores como Platón, Aristóteles, Spengler, Spinoza, Ortega e un longo etc. Mais si é certo, como sinala Nieves Herrero Pérez (1982,173), que de Bergson

toma en ocasións os termos durée, elan, suceder (no que respecta a este último especificando claramente ‘a súa acepción bergsoniana’) e algúns detalles revelan unha lectura atenta do autor de L’Evolution Creatice, como cando alude explicitamente ó exemplo do vaso de auga co que o filósofo francés ilustraba o ‘feito indiscutible da evolución’.

Sen dúbida un dos termos fundamentais do vocabulario oteriano é o de ‘devalar’, termo de raíz claramente bergsoniana. Para Herrero Pérez (1982, 175):

O termo que Otero acuña para expresar o devir presente no mundo natural é o de ‘devalar’, recollido do galego enxebre e enchido dun novo significado abstracto e filosófico que el mesmo asimilou ao de devir e ao Werden alemán. Otero quixo expresar con esta palabra o signo proteico da paisaxe galega en canto realidade suxeita a un continuo proceso dinámino de consecución e desfeita de formas. Entre este termo e o de durée bergsonián existe ó noso xuício unha afinidade que pon de manifesto, non a dependencia de Otero respecto de Bergson, senón máis ben unha intuición común a ambos que no caso do primeiro énchese dun contido tomado da observación e vivencia da natureza galega.

Vemos, pois, que se, para Bergson ‘o universo dura’, para Otero, ‘a natureza devala’. Se a durée, a duración, era a invención de formas, a elaboración contínua do absolutamente novo, o devalar significa o nacemento de formas vivas, volubles, sempre en mudanza, matizadas, como se non quixesen encaixar nos patróns establecidos. Se Bergson distingue dous movementos opostos, un de descenso e outro de ascenso, Otero menciona a catábase do outono e a anábase da primavera.

Outro aspecto no que atopamos igualmente semellanzas coa filosofía bergsoniana é nun certo animismo subxacente á concepción oteriana do devalar. Tamén o élan vital ten sido presentado como a explicación por medios psicolóxicos alternativa á que os darwinianos formularan en términos mecánicos. O animismo que detectamos en Otero móstrase non só na continua personificación dos elementos da natureza a través da cal crea imaxes fantásticas e inusitadas, senón tamén explicitamente, como cando fala do ‘alén mundo’ como o momento en que se ceibarán os espíritos pechados nas rochas, nos animais, nos homes, organizándose como vibracións dun mesmo espírito. (Herrero Pérez, 1982, 178). ’O xenio do centeo, adusto e bravo’, que diciamos no inicio.

Temos, ademais, o Otero outonizo e das ruínas, o Otero que se comprace na morte e na resurrección do mundo vexetal e que encontra nesa experiencia cíclica e anual, un dos elementos centrais do seu pensamento e da súa explicación do mundo. Sendo perceptible nesa temática unha certa impronta romántica, non é menos perceptible a renovación finisecular deste pensamento baixo o aspecto do novo irracionalismo. A natureza viva e a paisaxe que demanda ser interpretada son temas recorrentes en Otero. O mundo está aí presente, á procura de que a súa linguaxe sexa traducida á linguaxe dos humanos. Non hai tanto unha quebra entre a linguaxe e o mundo como unha constatación da necesidade dunha tradución entre o mundo como linguaxe e a linguaxe dos humanos.

Non podemos rematar estas nosas palabras de presentación da edición preparada por Silvia Penas, sen mencionar o carácter de alegoría nacional que presenta o conxunto e que pode servirnos como incentivo e como exemplo para estoutros tempos que andamos a atravesar agora. Nunha idade tan lamentable como a década dos anos corenta do pasado século, Otero escribe un poema que é un canto á rexeneración, unha longa explicación de como, logo do inverno, regresa novamente a primavera, de como finalmente o xenio do centeo resulta triunfador e é a vida, mais unha vez, a que pide paso. Creo que esa é a mensaxe secreta que xace por baixo desta enxurrada de versos inspirados e posuídos polo xenio da lingua.

Nesta casa de Trasalba, templo da memoria dunha Galicia que Otero consideraba eterna, é bo reflexionar en canto de exemplar e memorable conteñen as súas palabras:

O xenio do centéo, adusto e grave

Vaga por as antigas carballeiras

Y-os espallados ermos onde o vento

Xostrea insomnes bultos de penedos

E briza o espello morto e cristaiño

Dos illós silenzosos.