OH HIBERNIA, VIDRO ROTO

_home_xoo_applications_xoophoto_public__photos_a0_7633_3691522967_f589ef0e92_o-585x0

Conságrame de novo esta ferida

E verte na súa chaga escuro viño

Oh Hibernia, vidro roto,

Un nome baixo o voo da enredadeira.

 

Igual que os mariñeiros que, errantes na soidade,

Percorren no silencio a branca néboa,

E gardan no seu peto as herbas do lugar

E o cólico do inverno

Así tamén aqueles que andan a fender

Cos ollos o diamante das sireas,

Oh espiña de país, cidade torturada.

 

Trae contigo as chaves vellas de cobre,

O espléndido almacén enferruxado

Onde gardas os séculos

E os libros balorentos das idades.

Reúne ao pé das torres o teu pobo,

A luz dos máis capaces con pel de sombra

E verte enriba deles unha rede

De flores e de espadas

Acaso cando chegue o novo inverno.

Fermenta nos seus cálices o voo

Do tempo sobre as cousas

E dálles a beber melancolía.

Despois regresa ao templo e comparece

Nas hortas falecidas dos feridos

E funda unha república de soños,

 

Oh Hibernia, vidro roto,

Un nome baixo o voo da enredadeira.

Advertisements