ENCONTRO

tommy-ingberg-22

O certo é que tremeu a noite pavorosa

E só nas terras altas da follaxe con neve

A luz dos ríos tiña

A tintura do sangue,

Desfeita a travesía

Da paz polos ruídos,

Radiante un sol antigo de presenza terrestre,

Un sol condecorado de naufraxios.

 

As augas do diamante

E as árbores de espiñas

Falaban cos piñeiros a súa verde linguaxe,

Xa lonxe o desvarío da cidade enlouquecida.

E había algún eclipse nos papeis que me entregabas

Eclipses como elipses de luz, e escuridade,

Que alí morabas ti, montaña antiga,

A torre dos profetas do porvir erguida sobre a area,

Un lóstrego da estirpe moendo as túas raíces.

 

E vin daquela enxamios de cores apagadas,

A lúa que durmía sobre as flores

E tiña un lume azul para a tristeza.

Advertisements