Nada

 

yunoguy11

que foron esvarando os verbos todos

remotos no seu fondo de lama e desmemoria

ás veces apousados no alto dun arame

 

que foron os seus anos regresando

vertendo dun novelo de líquidos e sombra

un deus que tiña un ollo enorme de imposible,

fatiga que se acende no sangue para a morte

 

e aquel que esparexía os flocos constelados da cicuta soprando sobre a man

a ver xirar un barco no fondo da distancia,

fantasmas desolados que a noite arrebatou

das augas contra a pedra, do vento contra as flores,

redomas a filtrar a luz doutro xaneiro

por ver se ao lonxe viña a nube que vertese

o mar do esquecemento,

escuro e xa disposto de novo para o século,

calou e dixo: nada,

non hai máis que dicir

Advertisements