Soliloquio do pasaxeiro

Joachim Patinir-A pasagem da Lagoa Estígia

Non é fácil percorrer os camiños que levaron

o teu corpo até o país do silencio e da loucura

sen obter antes indulto, a desculpa, a absolución

polos danos infrinxidos, polo estrago irreparable.

Mais non sei que fixen mal, en que curva do camiño

enganei o rumbo exacto, foi menor o meu esmero.

Pode ser que algún dos brillos que fulxían no ouropel

me cegase ou me privase do sentido da visión,

que ficase fascinado, deslumbrado coas estrelas

que amañecen na palabra, sen aviso nin anuncio.

Mais foi todo tan veloz, tan de presa, tan axiña;

foron tantas as escollas, houbo tanto neboeiro,

que chegar até esta marxe do Leteo ten o honor

dos atletas esgotados, dos exhaustos corredores.

Pode ser que a nave estea xa agardando o embarcamento.

Nela irei sumido en sombra, no devalo do serán,

sen obter xamais perdón, nin desculpa ou indulxencia.

Advertisements