Seeds of time

clock

El gardaba polo fondo dos abrigos unha chave,

unha lámpada encontrada no interior dos barcos tristes,

neses portos que abril deixa entre manchas de gasóleo e pelicas de laranxa,

e pedía polas portas unha caixa

algo triste e clausurado que puidese ser aberto

algo vello con misterio, con enigmas a romper,

unha cifra que acollese o artefacto de ferro.

Dera en ser un esmolante das palabras e os sentidos

nunha loita corporal contra a historia e a beleza.

De cando en vez baixaba por ver a luz do mar

e sentía nesa chave contra a punta dos seus dedos

dando corda aos seus reloxos

como as rodas máis dentadas a virar

lle restaban novos círculos ao tempo.

Mais a chave estaba alí, instrumento que seguía

polo fondo dos abrigos.

E unha tarde de naufraxios escoitou dentro de si

unha voz que lle dicía:

“Oh Hibernia derramada, país do vento triste,

no canto da silente Sepharad,

se fores quen de ollar por dentro

as sementes das idades

e dar nova noticia de que gran ha prosperar

e cal outro ha de perderse,

dáme conta do teu voo

e entón eu tirarei a chave contra o tempo

no mar de tinta escura,

no fondo das súas ondas incesantes”.

 

If you can look into the seeds of time

and say which grain will grow and wich will not

speak then to me…

William Shakespeare

Advertisements