Loureiro

Surrealistic-Photography-by-Tommy-Ingberg-5

Se eu  chegase nesta hora de brillo cenital,
desterro, expatriación, ronsel dunha viaxe,
despois do longo exceso de vivir,
á terra en que florecen as maceiras
e puidese inda alegar as razóns que me trouxeron
e dicirvos: ‘si señor, señora, foi así,
os tempos eran outros e eu levaba
unha luz de laranxeira
por enriba das xanelas da tristeza’
pode ser que algúns falasen
dun porvir dourado e verdecente
como foi o noso caso
ou tamén que outros dixesen
de pousar en leito escuro o corpo de tan canso.

Mais o certo é que eu cheguei, meu maldito país,
aos teus ríos desde o fondo dun camiño de silencio
e que nada había entón polas sombras das túas marxes,
e que todo eran embustes, falsidades,
e xastres, zapateiros, músicos, copistas,
impondo o seu martirio nos devalos de setembro.

Que eu chegaba nesa hora de modistas e cantantes
a buscar algo de sombra,
a saber algo de ti, meu maldito país,
e non tiven que dar conta dos camiños percorridos,
de todo canto ollei no espectáculo do mundo,
oh Hibernia malograda, pluvial terra de loito.
Que do alto dos cantís escoitaba o vento escuro
como alguén que chega tarde ao misterio dos agoiros
e non pode crer en nada.
E non pode crer en nada.

Se eu  chegase nesta hora de brillo cenital
a buscar algo de sombra
e levase a folla escura do loureiro como emblema.

Advertisements