150 anos

Cantares_Gallegos

Ben sabes, miña sombra, que levo esta fatiga,
doendo como un can que me trabase,
roéndome nos osos e na pel,
igual que aquel que empurra un carro no serán
con lama e refugallos,
e sabe que non ten outra saída.

Os tempos corren negros e vense corvos lonxe.
Cantantes, demagogos, sofistas, lambelaxas,
prodigan os seus cursos sobre ti
e dan leccións retóricas magníficas
e fan de ti unha pomba e unha flor,
que deches en obxecto de mercado
por máis que te queixases
da luz e do progreso.

Que saibas que Fortuna xa deita os seus pelouros no lago da tristeza
e pasa moito tempo ao sol esparexida
torrando a carnación do corpo inacadable,
o corpo que só existe no misterio e na distancia,
o corpo que non doe nin dá sinais de gozo,
o corpo como nube nos ventos proxectada.
O corpo aquel que un día tiveches para a sombra
e foi o teu tormento
e foi o teu contento.

Que saibas que te saben por diante e por atrás
e es de todos tema ou artificio;
que len canto escribiches igual que se levases
o oráculo incesante de Lestrove
na pel dunha laranxa, alá no corazón,

insomne sombra miña,
meu templo derramado,
meu lar sen lume aceso.

Advertisements