California Blue

;

Chovía e, desde o interior do automóbil, parado desde había un segundo perante o semáforo en vermello, era difícil contemplar os contornos nítidos dos corpos que atravesaban o paso de cebra. Con todo, no breve instante de transparencia que a chuvia permitía, xusto despois de que o limpaparabrisas atravesase fugaz a superficie do cristal, o conductor distinguiu entre a multitude a muller coa que compartira longos anos da súa vida e da que rematara, finalmente, divorciándose. Desde había varios minutos puxera repetidas veces a música do California Blue de Roy Orbison, e aquela canción, que conseguira acender nel unha aguda dor de lembranzas, pareceulle a máis apropiada para aquel súbito encontro. Así que concentrou a súa ollada na muller, dubidando aínda da veracidade da situación e comprobou que levaba o mesmo impermeable de anos atrás, cando decidira ir vivir a algún lugar do sur, e, aínda que tiña o cabelo máis curto, resultaba mesmo máis nova, como se o tempo non tivese decorrido para ela e agora, despois de dez ou doce anos, aparecese diante del coa mesma pulcritude e beleza que posuíra, con aquel distanciamento, nobre e humilde a un tempo, que a facían parecerse a Jane Birkin.

Fixo soar o cláxon pero na rúa había demasiados ruídos como para que se dignase sequera en virar a cara. Así que, despois de adiviñar a dirección que levaba e deixar aparcado o seu coche no primeiro lugar que encontrou, correu cara á esquina por onde ela se perdera, seguro de que a súa carreira habería de compensar os minutos perdidos e depararlle finalmente o esperado encontro.

Cando finalmente a descubriu no interior dunha cafetaría, acompañada polas mesmas persoas coas que cruzara a rúa, non foi capaz de impedir un aceno precipitado no momento de entrar, mesmo como se, inconscientemente, quixese chamar a atención das persoas, convocalas ao seu repentino xúbilo.

Ela estaba de costas á entrada e aínda tivo que percorrer un longo tramo entre as mesas antes de estar en condicións de enxergar o seu rostro. Conforme se achegaba puido advertir que estaba un pouco cambiada e o primeiro que se lle veu á cabeza foi que, acaso, a mudanza do seu aspecto fose debida a unha recente maternidade. Así que aquela idea, o simple feito de intuír que ela refixera a súa vida, chegando mesmo a formar unha familia, fíxoo frear en seco e escoller unha das mesas vacías que había máis atrás para, desde alí, continuar a súa investigación, mentres as lembranzas asulagaban a súa mente como un arroio de augas pluviais.

Pediu un café e recoñeceu como familiares algúns dos movementos da muller. Aquela maneira de pasar a man por debaixo do cabelo, o xeito en que esa mesma man caía logo cara ás pernas, para ficar prendida a un dos seus xoellos, fixéronlle lembrar antigos episodios conxugais, os tempos felices dos seus primeiros anos de matrimonio. Porén, ningunha das outras persoas lle resultaba coñecida. Pasara xa moito tempo e, aínda así, aquel nostálxico condutor visionario sabíase dono da suficiente memoria como para evocar na súa lembranza acontementos e personaxes con todo tipo de detalles.

Foi nese momento cando ela se ergueu e cun xeito de andar que lle resultou sospeitoso, por canto parecía torpe á hora de mover as pernas, acaso un tanto máis grosa, por máis que conservase aquel estilo singular de mover as cadeiras, camiñou decidida cara ao fondo do local onde se encontraban os servizos. Desde a mesa, o conductor rememorante supuxo que aquela variación era outro dos efectos notables dun posible embarazo, aínda que tamén se puidese deber ao paso dos anos e a unha vida máis acougada e, sen darlle máis importancia, decidiu agardar o instante do regreso, cando ela non tería máis remedio que encarar, no seu retorno á mesa, o lugar onde el se encontraba e así desvelarlle as escasas interrogantes que aínda mantiña sobre a súa identidade.

A espera prolongouse máis do debido e o home, canso de fixar a súa atención no fondo do corredor, entretívose pasando as follas dun periódico local, repentinamente interesado nalgunhas breves noticias.

Cando volveu erguer a vista, ela xa estaba novamente na súa mesa, de costas cara a el, na mesma posición de antes. Así que non tiña máis remedio que agardar a que a muller decidise saír, incapaz naquel momento de mover un só dedo, como se o peso brutal da memoria o fixese ficar inmóbil e aquela presenza, sentida algúns metros máis alá, fose un lazo, un nó, un atamento que lle constrinxía as pernas e o imposibilitaba para se mover.

A música de Roy Orbison seguía enchéndolle a cabeza. Nunca estivera en California mais era evidente que aquela California de que falaba a canción era moi semellante ao Vigo estival dos seus anos mozos, máis ou menos polo tempo en que a coñecera. Non quería deixarse levar pola nostalxia aínda que era obvio que na melopea melódica da canción, escoitada repetidamente no interior do seu coche, estaba prendida moita da saudade que agora, pouco e pouco, conseguía sumilo no abismo dos recordos.

Por iso non lle resultou sorprendente que na música de ambiente do local comezase a soar aquela mesma melodía no instante en que ela, despois de entrever o seu rostro a través dun espello, virou a vista cara atrás e os seus ollos, tanto tempo abandonados a unha néboa húmida e fría, puideron encontrarse e recoñecerse.

Advertisements