Sales do ano doce

Sales

Logo de máis de dous anos de actividade poética incesante (desde o 15 de novembro de 2010 até hoxe) nos que fomos publicando, diariamente e semana tras semana, unha nutrida representación do que ten sido a nosa obra poética (como resultado de corenta anos de escrita, trinta desde a publicación en 1982 do noso primeiro libro Ferida Acústica de Río) O Ximnasio de Academo aprácese en presentarlles, como agasallo para todas as súas lectoras e lectores, o novo volume de poesía de Manuel Forcadela titulado Sales do Ano Doce que pode ser descargado de balde e desde hoxe nesta páxina en formato PDF.

O arquivo fecha un ciclo e tenta ser recompilación dos numerosos textos inéditos inicialmente aquí publicados e que agora aparecen corrixidos, reescritos, refundidos… nunha versión que podemos dar case por definitiva e que, en moitos casos, difire daquela que foi inicialmente publicada nesta bitácora poética.

O noso agradecemento a todas as persoas que, ao longo deste tempo, se achegaron até aquí e nos transmitiron o testemuño da súa emoción.

Advertisements

California Blue

;

Chovía e, desde o interior do automóbil, parado desde había un segundo perante o semáforo en vermello, era difícil contemplar os contornos nítidos dos corpos que atravesaban o paso de cebra. Con todo, no breve instante de transparencia que a chuvia permitía, xusto despois de que o limpaparabrisas atravesase fugaz a superficie do cristal, o conductor distinguiu entre a multitude a muller coa que compartira longos anos da súa vida e da que rematara, finalmente, divorciándose. Desde había varios minutos puxera repetidas veces a música do California Blue de Roy Orbison, e aquela canción, que conseguira acender nel unha aguda dor de lembranzas, pareceulle a máis apropiada para aquel súbito encontro. Así que concentrou a súa ollada na muller, dubidando aínda da veracidade da situación e comprobou que levaba o mesmo impermeable de anos atrás, cando decidira ir vivir a algún lugar do sur, e, aínda que tiña o cabelo máis curto, resultaba mesmo máis nova, como se o tempo non tivese decorrido para ela e agora, despois de dez ou doce anos, aparecese diante del coa mesma pulcritude e beleza que posuíra, con aquel distanciamento, nobre e humilde a un tempo, que a facían parecerse a Jane Birkin.

Fixo soar o cláxon pero na rúa había demasiados ruídos como para que se dignase sequera en virar a cara. Así que, despois de adiviñar a dirección que levaba e deixar aparcado o seu coche no primeiro lugar que encontrou, correu cara á esquina por onde ela se perdera, seguro de que a súa carreira habería de compensar os minutos perdidos e depararlle finalmente o esperado encontro.

Cando finalmente a descubriu no interior dunha cafetaría, acompañada polas mesmas persoas coas que cruzara a rúa, non foi capaz de impedir un aceno precipitado no momento de entrar, mesmo como se, inconscientemente, quixese chamar a atención das persoas, convocalas ao seu repentino xúbilo.

Ela estaba de costas á entrada e aínda tivo que percorrer un longo tramo entre as mesas antes de estar en condicións de enxergar o seu rostro. Conforme se achegaba puido advertir que estaba un pouco cambiada e o primeiro que se lle veu á cabeza foi que, acaso, a mudanza do seu aspecto fose debida a unha recente maternidade. Así que aquela idea, o simple feito de intuír que ela refixera a súa vida, chegando mesmo a formar unha familia, fíxoo frear en seco e escoller unha das mesas vacías que había máis atrás para, desde alí, continuar a súa investigación, mentres as lembranzas asulagaban a súa mente como un arroio de augas pluviais.

Pediu un café e recoñeceu como familiares algúns dos movementos da muller. Aquela maneira de pasar a man por debaixo do cabelo, o xeito en que esa mesma man caía logo cara ás pernas, para ficar prendida a un dos seus xoellos, fixéronlle lembrar antigos episodios conxugais, os tempos felices dos seus primeiros anos de matrimonio. Porén, ningunha das outras persoas lle resultaba coñecida. Pasara xa moito tempo e, aínda así, aquel nostálxico condutor visionario sabíase dono da suficiente memoria como para evocar na súa lembranza acontementos e personaxes con todo tipo de detalles.

Foi nese momento cando ela se ergueu e cun xeito de andar que lle resultou sospeitoso, por canto parecía torpe á hora de mover as pernas, acaso un tanto máis grosa, por máis que conservase aquel estilo singular de mover as cadeiras, camiñou decidida cara ao fondo do local onde se encontraban os servizos. Desde a mesa, o conductor rememorante supuxo que aquela variación era outro dos efectos notables dun posible embarazo, aínda que tamén se puidese deber ao paso dos anos e a unha vida máis acougada e, sen darlle máis importancia, decidiu agardar o instante do regreso, cando ela non tería máis remedio que encarar, no seu retorno á mesa, o lugar onde el se encontraba e así desvelarlle as escasas interrogantes que aínda mantiña sobre a súa identidade.

A espera prolongouse máis do debido e o home, canso de fixar a súa atención no fondo do corredor, entretívose pasando as follas dun periódico local, repentinamente interesado nalgunhas breves noticias.

Cando volveu erguer a vista, ela xa estaba novamente na súa mesa, de costas cara a el, na mesma posición de antes. Así que non tiña máis remedio que agardar a que a muller decidise saír, incapaz naquel momento de mover un só dedo, como se o peso brutal da memoria o fixese ficar inmóbil e aquela presenza, sentida algúns metros máis alá, fose un lazo, un nó, un atamento que lle constrinxía as pernas e o imposibilitaba para se mover.

A música de Roy Orbison seguía enchéndolle a cabeza. Nunca estivera en California mais era evidente que aquela California de que falaba a canción era moi semellante ao Vigo estival dos seus anos mozos, máis ou menos polo tempo en que a coñecera. Non quería deixarse levar pola nostalxia aínda que era obvio que na melopea melódica da canción, escoitada repetidamente no interior do seu coche, estaba prendida moita da saudade que agora, pouco e pouco, conseguía sumilo no abismo dos recordos.

Por iso non lle resultou sorprendente que na música de ambiente do local comezase a soar aquela mesma melodía no instante en que ela, despois de entrever o seu rostro a través dun espello, virou a vista cara atrás e os seus ollos, tanto tempo abandonados a unha néboa húmida e fría, puideron encontrarse e recoñecerse.

Tui – Valença: a grande cidade do Miño

Ponte

Din que case todos os grandes discursos fluviais do mundo contan na súa foz (ou máis ou menos no final do seu percurso) cunha grande cidade. Porto, Lisboa, Sevilla, Roma, Budapest, Viena, París, Londres, serían algunhas das que habería que situar nunha lista non exhaustiva. O Douro, o Texo, o Guadalquivir, o Tíber, o Danubio, o Sena e o Támesis, os fluídos que as bañan. Todos cantados por poetas que viron nas súas augas moito máis do que unha simple concentración de líquidos noutrora potables e hoxe máis ou menos depurados, cando non sinxelamente enchidos de contaminación.

Contra o que puidera parecer, o Miño non se escapa a esta regra, aínda que habería que engadir que, na súa condición de marca fronteiriza, como tamén a tivo o Danubio que separaba Buda de Pest, antes de configurarse a actual capital maxiar, a grande cidade do Miño ten sido máis un fantasma, que habita nos que a visitamos, semana tras semana, ca unha realidade evidente; unha cidade, diríamos, desexada, antes ca unha urbe incuestionable.

En calquera caso, esa cidade, real ou non, non é outra que a cidade do encontro, espiritual e xeográfico, entre Galicia e Portugal, un encontro que o actual marco europeo propicia e, mesmo, nos obriga a retomar, facendo que o que noutro tempo non eran senón sublimes raptos pondalianos (á nobre Lusitania os brazos tende amigos) sexa hoxe mesmo un punto, sempre adiado e esquecido, dentro dos programas de goberno da dereita.

Este encontro leva, sen embargo, moitas décadas, séculos diría, producíndose. Á habitual escena de familias galegas e portuguesas comendo xuntas en calquera restaurante e falando (uns galego e outros portugués) nesa koiné que non podemos esquecer, hai que engadir a mocidade que semana tras semana poboa as noites de Tui e de Valença, pero tamén de Vilanova e de Viana, para a que a fronteira simplemente non existe.

Ás condicións magníficas de clima e habitabilidade que o marco descrito nos ofrece hai que engadir o feito de que a antiga fronteira (sempre máis política e administrativa ca cultural) perdeuse, esvaeceuse como a néboa do río cando avanza a mañá, e o que outrora foi ponte intransitable, fonte de continuos atascos que, por veces, se extendían durante varios quilómetros, resulta hoxe un apacible lugar polo que transitar nun paseo fluvial que nos leva, de muralla en muralla, desde a antiga e misteriosa Tui á non menos barroca e fermosa Valença a través dun trazado de enxeñería modernista que non deixa de lembrarnos a ponte de Viana sobre o Lima construída por Eiffel.

O Miño tudense é unha das paisaxes máis sublimes de cantas esconde dentro de si a xeografía de Galicia. Ría fracasada, destinada acaso co paso dos milenios a converterse na derradeira das Rías Baixas, depáranos desde unha das perspectivas a visión das terras da ribeira portuguesa, baixas e alongadas, espacio bucólico onde os haxa, coa cidadela no alto erixindo contra o ceo a súa munición felizmente obsoleta e, desde a outra, o ensoño do outeiro tudense coa catedral amurallada, símbolo da antiga unión do poder político e clerical.

Hai algo na antigüidade destas pedras que nos fala do innecesario da separación. Nos tempos da comunicación planetaria, estas murallas só nos defenden contra fantasmas, tan vellos como inermes, tan gastados como inofensivos, e son, na súa condición de monumentos, unha cruel ironía das voltas que pode dar a historia e o mundo. As radios e as televisións de unha e outra ribeira penetran con nitidez creando asi un territorio internacional, un punto de coincidencia electrónico, e virtual se se quere, pero tan real como a vida mesma e que, curiosamente, non fala inglés e ben pouco español. Mesmo sei de persoas, de distinta cidadanía, que prefiren morar nunha ou noutra banda do río por cuestións de oportunidade ou de traballo.

O ensoño iberista de Unamuno ou federal de Pi Margall pode estar a ser superado hoxe subtilmente pola realidade, aínda que nun espazo que debería medrar e do que esta cidade fantasmal do Miño non é máis ca o principio.

Hai algo de londinense e de atlántico nesta néboa que se deita sobre as dúas cidades ata se converter nun pó de fariña húmido. Por un instante penso que estou en Inglaterra e que atraveso unha das pontes sobre o Támesis.

Dúas mortes II

Ganster II

Era un veleiro fermoso e con todo o aspecto de estar aínda sen estrear. Atracado nun dos peiraos flutuantes da estación marítima, presentaba ese brillo límpido da pintura recente, a ausencia de salitre e ferruxe corrompendo os materiais. O alto mastro de aluminio proxectábase no ceo como unha frecha prateada, un disparo de brillos e reflexos que viña ser un eco reducido do espello das augas.

O home das lentes escuras saltara adentro e correra a portiña levadiza que daba ao interior. Unha cociña reducida e unha mesa ampla con asentos convertibles en camas ocupaba a totalidade do espacio. O rádar e o sónar, que estaban apagados, comezaron a emitir unha primeira indicación.

Cando Filter subiu a bordo, o seu brazo esquerdo lucía a mesma tatuaxe, o símbolo que a súa pel conservaría para sempre dos seus anos nas tropas de élite.

O mar da baía estaba quieto e aceitoso, posuído pola contaminación, mentres o lento renxido do motor do veleiro os ía transportando, sorteando as balizas de entrada ao peirao, encamiñándose recto máis alá do murallón do embarcadeiro.

O home das lentes escuras acendeu un cigarro e deixou que fose o fume exhalado quen lle confirmase o rumbo dunha brisa leve, a dirección dun ventiño que sopraba maino.

Nada no seu rostro, nin no de Filter, indicaba a presenza dun mínimo sinal de contrariedade, de aflición ou de tristeza. Quen puidese contemplalos abandonando o Náutico local podería corroborar o seu aspecto de homes elegantes, incapaces do crime gratuíto.

– Non é preciso que fagas nada – dixo o das lentes escuras-. Este barco pode levalo un só home, sempre e cando teña algo de experiencia.

E ergueu a vela maior que empezou a abanear con consistencia, imprimíndolle velocidade ao navío.

Non tardaron en afastarse da costa. Segundo o proxectado, navegarían camiño do Atlántico para logo virar cara ao sur, en dirección á costa portuguesa. A media tarde, ou como moito á noitiña, se o vento lles era favorable, estarían atracando en Figueira da Foz.

Filter deitouse na cuberta e foi deixando que a brisa o acariñase. Non ía moita calor pero estábase ben con aquel frescor que viña do mar.

Cando o barco estivo só no medio da bahía, sen olladas de curiosos, sen presenza doutros barcos, o home das lentes escuras aproximouse por detrás. Un tallo rápido e limpo, dado co gume afiado dun puñal de pesca submariña. Un tallo profundo e implacable, cortante, destrutor, unha rotura perfecta da iugular e dos músculos que sosteñen a cabeza. Un traballo de estilista.

A víctima, Filter, tivo tres ou catro convulsións que axiña remataron.

Un regueiro de sangue escorreu a estribor.

Dúas mortes I

Ganster 1

O home das lentes escuras aparcou o vehículo xunto á entrada da estación ferroviaria. Apagou o motor e agardou un instante antes de recolocar as lentes e comezar a observar os pasaxeiros que saían. Faltaban poucos minutos para as seis da tarde.

Logo, unha vez adquirido o dominio da situación, saíu do vehículo e fechou a porta.

Ía moito frío e o asfalto da rúa desprendía unha calixe xélida e vaporosa. O sol, sen embargo, estaba xa nese momento de inicio do declive, levemente inclinado cara ao horizonte do solpor.

Tiña ordes de non miralo aos ollos, de transportalo, seguindo as instruccións pero sen preguntas, ata a súa casa e alí facerlle entrega do necesario: unha pistola automática, doce balas, unha habitación tranquila para que descansase, a mesma habitación tranquila para que pasase a noite, unha vez cumprido o plan.

Identificouno deseguida. A tatuaxe do seu brazo dereito era unha aguia con dúas espadas. O home debía levar a camisa un tanto remangada.

– Non é un bo momento para xogar ao xadrez- espetoulle, sabendo que o outro coñecía a contraseña.

– Pero si para dar un xeque mate- respondeu.

– Veña comigo, señor…

– Chámeme Filter.

– Ben, señor Filter, acompáñeme. Non convén estarmos expostos ao público.

O home das lentes escuras puxo en marcha o vehículo mentres Filter se acondicionaba no asento de atrás, xusto no lugar que ficaba fóra do foco do espello retrovisor.

Non falaron.

Conduciuno de vagar avenida abaixo, procurando encontrar o camiño da baía, o espazo en que a cidade se convertía nunha longa chaira, resultado da ocupación dos antigos areais.

Meteu o coche no garaxe e subiron polo elevador. Xa no apartamento, a escuridade converteunos en fantasmas, dous espectros que, de cando en vez, ollaban o un para o outro.

– Aquí ten – díxolle, mentres abría unha gaveta e lle amostraba a pistola e a caixa de munición-. Creo que será suficiente.

O home da tatuaxe no brazo, sen virarse cara a el, dándolle en todo momento as costas, desmontou a arma con mestría e foina limpando de vagar. Tirara un pano branco do seu propio peto e, unha vez rematada a operación, o pano seguía a manter a súa cor orixinal. Logo montouna, recompúxoa peza por peza, para, por fin, ir introducindo unha por unha, e ata doce, todas as balas no cargador. Entón fixo entrar unha na recámara, comprobou que o proxectil estaba alí e púxolle o seguro. Gardou o resto da munición na bolsa de viaxe e a pistola colocouna por dentro do cinto do seu axustado vaqueiro negro.

– Descansarei un pouco- díxolle-. Foi unha longa viaxe. Chámeme antes das dez.

O home das lentes escuras ficou só no medio da sala. Foi á cociña á procura dunha cervexa. Tiña a boca seca a causa do tabaco. Logo regresou e acendeu o televisor. Gastou algúns minutos mudando de canal mentres sorbía o líquido da lata e a ténue sensación do alcohol e dos gases no estómago fixérono eructar.

Bebeuna de tres grolos longos e ansiosos. Logo acendeu un cigarro.

Ficou vendo un partido de fútbol. Era un deses encontros amistosos en apoio dunha causa humanitaria con equipos formados por vellas figuras e personaxes famosos. Definitivamente non lle interesaba. Mudou de canal e mirou un programa de noticias.

O acoso do frío ía aumentando segundo caía a tarde. A través das persianas baixadas filtrábase unha luz cada vez máis imprecisa, que proxectaba reflexos amarelos sobre a parede contraria.

Fechou os ollos e procurou dormitar. Non tiña medo de adormecerse porque sabía que aquelas situacións sempre lle impedían esquecer o seu cometido. Oxalá fose quen de durmir.

Ás dez menos cuarto avisou ao home da tatuaxe. Dous golpes secos sobre a madeira da porta. Deseguida escoitou a súa voz no interior.

Non tardou en saír. Mudárase de roupa e agora vestía un elegante traxe de chaqueta con camisa branca e garabata. Todo un gentleman. Botou algo de auga sobre o rostro e o cabelo e peitouse para atrás, ata acadar un aspecto que lle pareceu presentable, mesmo como se botase gomina.

O das lentes escuras contemplouno un instante e tivo a sensación de estar ante outro home. O brazo espido que lle permitira identificalo pola tatuaxe estaba agora oculto. Pero el rexeitou a súa mirada e deulle as costas.

– Imos- díxolle.

Levouno á parte alta da cidade, a un lugar, a unha rúa na que o home da tatuaxe non estivera nunca e á que era probable que non volvese máis. Deuse conta de que coñecía perfectamente o seu cometido.

A última claridade da tarde xa se perdera na distancia, impregnando o mar dunha estensa gama de matices cromáticos. O mar, como un espello, posuía agora a cor escura da noite pecha, mentres na outra banda da baía percibíanse un sen fin de luces acesas.

Filter parecía tranquilo. Sentado no asento traseiro do coche, contemplaba o mar como se estivese perdido e a paisaxe fose quen de contaxiarlle o acougo da súa inmensidade.

O vehículo esperado non tardou en chegar. Era un Mercedes negro, un modelo recente. Ascendeu a leve encosta que conducía á entrada da casa e, antes de que chegase á metade do camiño, o home da tatuaxe esperouno fóra, sen facer ningún ademán que puidese esaxerar a súa presenza.

Puideron ver perfectamente ao home que conducía. Andaría sobre os cincuenta. Moreno, con entradas, roupa cómoda, parecía canso ou, cando menos, preocupado.

Desde o interior do coche activou o mecanismo levador da porta de entrada.

Filter camiñou cara a el, sen que en ningún momento o conductor puidese velo. O Mercedes entrou e ficou parado algúns metros despois do portalón.

O que conducía abriu a porta e inclinou a cabeza cara a fóra, en actitude de incorporarse do asento.

A primeira bala atravesoulle o cranio, despois de entrar á altura dunha orella. A segunda procurou un camiño paralelo, perforándolle a caluga.

O corpo ficara pendurado da porta por un brazo. Unha posición perfecta para que o home da tatuaxe disparase sobre as costas, ao lugar onde se supuña debía estar o corazón.