A rata

rat-0

Un dos aspectos menos lúdicos da actividade do escritor é, sen dúbida, o das correccións. Como un reverso do acto puramente creativo, en que os oídos están virados cara ao interior, procurando escoitar esa voz que vai dictando os textos, a corrección eríxese como unha actividade fría, nada febril, na que o soñador debe esquecer as néboas da súa fantasía para se converter nunha especie de policía do texto, un indagador que procura todos os delictos, ortográficos e mecanográficos, que poidan interferir a comprensión adecuada do lector. O texto, que é unha das palabras máis sacralizadas da filoloxía, un trasunto do deus monoteísta pero feito con letras, vólvese así algo imposible, posuído como está pola incorrección, pois non debe haber obra no mundo que non teña, por mínima que sexa, unha soa gralla que altere a pulcritude total.
André Breton dicía que a errata sempre mellora o texto. Na súa afirmación estaba subxacendo a idea de que a errata non é máis que a manifestación escrita do lapsus linguae freudiano, o lapsus calami, unha das múltiplas maneiras de expresión do inconsciente. Os surrealistas, así, amaron a errata porque, no fondo, o único que querían producir era un texto que fose todo el expresión desa interioridade escura e pouco accesible, un discurso que debía ser, en definitiva, todo el unha grande errata.

A historia da literatura está chea de grandes e marabillosas correccións involuntarias. Algunhas mesmo forman parte hoxe en día do noso vocabulario habitual, de xeito que todos nós repetimos, sen sabelo, o que non foi, incialmente, máis que despiste dun linotipista ou mecanógrafo. Unha importante editorial mexicana, ligada dalgún xeito á Igrexa e que debía chamarse Fondo de Cultura Ecuménica, pasou a chamarse Fondo de Cultura Económica por mor da inspiración dun empregado que, no momento de realizar a inscripción no logotipo da empresa, debía andar teimando nas posibilidades de aumentar o seu salario. Mostra evidente, por outra parte, de como a loita de clases está presente nos aspectos máis nimios da vida, como ben pode deducirse.

Por suposto, as erratas manifestan sempre unha verdade, mesmo cando esa verdade pasa desapercibida para o autor. E o público lector faise dono desa verdade de tal maneira que xa ninguén conseguirá desvialo da súa fe recente. Cóntase que, nunha ocasión, o moi sabio erudito, poeta e escritor, Dámaso Alonso, con motivo dunha conferencia que ía ditar en Buenos Aires, viu mudada a súa digna actividade de humanista pola non menos digna de humorista, segundo rezaba o programa de man que se repartía á entrada do auditorio. Cando a disertación deu comezo, e durante varios minutos, o público acolleu todas e cada unha das súas frases con estrepitosas gargalladas. Toda tentativa de devolverlle seriedade ao seu discurso resultou inútil e a xente disfrutou grandemente enchendo de connotacións irónicas palabras que só querían ilustrar.

Supoño que neste tempo de sacralización da arte e da literatura, a errata cumpre un papel marabillosamente nihilista e dá conta da presenza enigmática do azar na nosa vida. Sinala ese instante en que a frialdade do creador é arrebatada por unha febre dionisíaca que sempre brota de moito máis abaixo. É ese anano brincador e lúdico que fai cóxegas no lombo do pianista no instante crucial dunha sonata; o que oprime a vexiga do orador no medio dunha arrebatada arenga; o que dirixe o excremento dunha pomba contra o sombreiro dunha petulante señora. O escritor que se revela contra a errata estase revelando contra a mesma fonte da súa inspiración, descoñecedor de que o texto será literario a pesar da súa vontade, como se a literatura fose un enigmático poder que se manifesta mesmo en contra del, decidida a brotar e manifestarse sexa como sexa. A errata, por outra banda, é unha protesta contra a perfección e o signo definitivo da súa imposibilidade. De nada serve que o escritor empregue longas horas en construír os seus sintagmas se logo estes aparecen convertidos en santigmas, que debe ser, digo eu, unha mestura da santidade e o enigma; ou se un cúmulo de ideas acaba sendo un cú mulo de ideas, ou sexa, unha aglomeración de pensamentos propios das bestas na parte máis inferior do aparato dixestivo. A errata manifesta sempre o seu domimio e non está disposta a ceder unha soa porción do seu grandioso territorio. O verdadeiro creador debe selar con ela un pacto de sangue, un tratado mediante o cal a incorrección se comprometa a mellorar definitivamente o texto. Deste xeito, o divertido xogo de xuntar palabras que chamamos escrita adquiriría a súa dimensión auténtica e impediría que ninguén se crea Deus escribindo un artigo, un poema, unha novela ou un conto.

Así que, retomando a idea de Breton, cabe facer un grande libro surrealista, a máis alta obra literaria composta nunca pola humanidade, un enorme libro-errata todo el cheo de erratas. O seu título sería A rata, unha modificación involuntaria do título verdadeiro que nunca chegaría ao público: Errata.

Advertisements