Sobre Morgana en Esmelle

montaxe-morgana

Cando xa pasaron varias semanas desde a aparición de Morgana en Esmelle (2012), a segunda das novelas de Begoña Caamaño, logo do éxito da súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul (2010), é momento de facer un certo balance crítico e refacer o xa dito en base a unha lectura se cadra máis pormenorizada e, tamén, máis decantada a salientar na novela aqueles aspectos menos dados ao titular xornalístico e á redución caricaturesca. Porque cremos que esta é unha novela importante, destinada a ser obxecto de análise e reflexión por parte da crítica durante moitos anos. Unha novela que ensina e actualiza un modelo de reconstrución das fábulas herdadas e que, desde a humildade de quen sabe que non existe a orixinalidade, opta por reconstruír os relatos mil veces contados desde unha óptica máis acorde cos tempos.

Eu diría que o primeiro destes tópicos é, sen dúbida, o herdo de Cunqueiro.

Teño para min que a autora fixo súa a sentencia de George Steiner, mesmo sen coñecela, que asevera que “toda verdadeira lectura esixe un libro como resposta”. Ou mesmo que por algún lado lle chegou o eco daqueloutra de Peter Sloterdij, no seu libro, Regras para un parque humano: unha resposta á carta de Heidegger sobre o humanismo (publicado con este título no Brasil, no 2000, aínda que o libro fora publicado na súa versión alemana orixinal un ano antes) no sentido de que o humanismo e a súa cultura é, no fondo, un intercambio epistolar. Digamos que, desde esta perspectiva, a novela é unha longa epístola, unha desas cartas que se escriben despois de moitos anos para tentar reparar un dano causado, para perdoar ou para pedir perdón, para revelar, para confesar. Un axuste de contas, en definitiva. Así, no inicio do relato, Felipe de Amancia, o mesmo narrador que asumía a enunciación do Merlín de Cunqueiro, manifesta a súa felicidade por poder contar, finalmente, aquilo do que sempre se lle prohibiu falar, agora que, mortos todos os outros personaxes, a ninguén lle poden xa facer mal a súas lembranzas. Como se Felipe de Amancia procedese a reescribir o seu discurso sesenta anos despois mais agora necesitado doutras voces, desa heteroglosia baktiniana que lle resta lirismo ao conxunto e, a pesar da pulcritude e coidado da dicción, fai que sexan múltiplas as perspectivas que contribúen a esclarecer os pormenores da ficción.

Temos que ter en conta, ademais, que unha das peculiaridades da arte cunqueiriana consistía xustamente na peculiar igualación de memoria e fantasía. Por iso, o narrador era un mintireiro, porque o vivido fermentara nel ata dar como resultado un produto que se enraizaba máis na fantasía que na realidade. Esta pode ser, sen dúbida, unha das primeiras diferenzas, e non cativa, entre os dous textos (Morgana en Esmelle e Merlín e familia): a competencia da linguaxe e da memoria para restaurar o acontecido. Dese xeito, se Cunqueiro se presentaba, con algunhas décadas de adianto, como un dos precursores do posmoderno pensamento débil, en Begoña Caamaño hai, sen dúbida, unha proposta de pensamento forte. O acontecido aconteceu e é preciso darlle un sentido, sinalarlle unhas causas e unhas consecuencias. Fronte á literatura como conto, como gran mentira, a literatura como verdade, ou como continente dunha verdade.

Certamente moito disto se transparenta aquí. En primeiro lugar porque o modo da produción cunqueiriana tiña moito que ver con ese intercambio epistolar de que falamos. Dialogar cos relatos herdados e proceder a reescribilos para darlles maior coherencia, sentido renovado, adaptalos a un novo contexto histórico, a unha diferente ideoloxía. Esta maleabilidade do mito é a que está en xogo no debate contemporáneo sobre a relación entre mito e logos. Un debate no que Cunqueiro chegaba a afirmar que o mito era unha forma de coñecemento, cousa que Begoña Caamaño non nega, e que, por tanto, na maneira de presentalo, de escribilo, de refacelo, subxace unha forma de teorizar a realidade.

Cando Sófocles escribe o seu Edipo Rei está a ser consciente de que evoca unha serie de lendas e ritos anteriores que agora se decantan de xeito diferente no seu texto; cando Shakespeare escribe o seu Hamlet non pode obviar o extremo parentesco que a súa obra ten coa do dramaturgo grego; cando Dovstoievski escribe Os irmáns Karamazov non pode esquecer que tanto o Edipo como o Hamlet están detrás do seu relato; cando Freud teoriza a psicanálise fascínase polo feito de que estas tres obras, preferidas súas dentro da literatura de todo o mundo, sexan obras sobre a morte do pai. Velaí ese intercambio epistolar. Iso que, tempo despois, Genette denominará palimpsesto, mesmo tomando a referencia dun celebérrimo relato de J. L. Borges.

Begoña Caamaño incríbese, ao meu ver, nesta corrente. Agora para matar tamén o pai. O mesmo pai simbólico que os anteriores, mais agora prefixado no mito de Merlín. O pai que é, en realidade, o patriarcado e o seu relato, a súa (in)consistencia mítica.

Que máis cousas separan a Morgana en Esmelle do Merlín e familia e outros relatos? Eu diría que, en primeiro lugar, o xénero literario. Morgana en Esmelle é, sen dúbida, unha novela.

Como é ben sabido, o texto cunqueiriano está aínda hoxe sometido á discusión de se se trata dunha auténtica novela ou dun conxunto de relatos entrelazados, relatos diferentes que posúen unha serie de características comúns como o espazo-tempo, os personaxes e os seus roles, unha forma fixa de estrutura que se repite de capítulo en capítulo…  Mais o Merlín era tamén unha ensoñación familiar na que o neno Felipe de Amancia, o narrador, evocaba a figura do pai-mago, da nai-raíña, dos criados e criadas, dos cans, dos gatos, da vella casa familiar, daquel tempo que se foi e que agora regresa en forma de nostalxia.

Mais o lector non pode deixar de percibir no Merlín de Cunqueiro un certo estrañamento; na medida en que o mito se modifica e se adapta, contextualízase. O Merlín de Cunqueiro é, así, o Merlín do seu (de Cunqueiro) espazo-tempo. O da Galiza sumida no sopor e na dureza do primeiro franquismo. Mais Begoña Caamaño aprende en Cunqueiro esta competencia creadora do fabulador, de quen precisa reformular as fábulas herdadas para que sigan a ter sentido nos novos tempos. Neste sentido, e como non podía ser doutro xeito, a autora maniféstase especialmente sensible ao papel asignado ás personaxes femininas e procede a darlle novo sentido.

En segundo lugar, e dentro desta enumeración das diferenzas, eu sinalaría o que, tecnicamente, poderíamos denominar modo enunciativo.

O Merlín de Cunqueiro está enunciado a través dun único narrador: Felipe de Amancia.  Un narrador protagonista en primeira persoa que é, ao mesmo tempo, o focalizador (o corpo que pon os sentidos: os ollos, os oídos, o tacto, o gusto e o olfato) de toda a historia que conta. Morgana en Esmelle está contada, pola contra, a través de catro voces diferentes: en primeiro lugar, a do propio Felipe de Amancia; en segundo lugar, a dunha voz independente e heterodiexética (fóra do espazo-tempo) con respecto ao que se conta; en terceiro lugar, a voz da conciencia de Merlín e, finalmente, a voz da fada ou sabia Morgana. Se o tecido de Cunqueiro formábase cun único fío enunciativo, o de Begoña Caamaño faise a través de catro fíos, enunciados por esas voces mencionadas, sucesivamente denominados “Das Memorias de Felipe de Amancia”, “Das crónicas de Ávalon”, “Da conciencia do señor Merlín” e, finalmente, “Da voz de Morgana”.

Aínda máis, se atendemos ao peso que cada un destes fíos ten no conxunto da historia, encontrarémonos con que o “Das Memorias de Felipe de Amancia” é o segundo máis breve (31 páxinas), logo do “Da Voz de Morgana” (16 páxinas), fronte aos outros dous (“Das crónicas de Ávalon”, 66 páxinas, e “Da conciencia do señor Merlín”, 57 páxinas), que son os que verdadeiramente levan o peso da narración. Narración que se estrutura a través dunha sucesión clásica enigma—evelación, o enigma que se formula ao principio da novela, cando aprendemos que todo o dito ata agora sobre estes personaxes dista moito de ser “verdade”, e a revelación que nos vai chegando a medida que avanzamos na lectura. Unha revelación que é, obviamente, a do noso espazo-tempo.

E velaí, pois, o proceso a través do cal se actualiza o mito. Unha vella historia, uns personaxes ancestrais, unha nova interpretación de quen se reclama herdeira e continuadora dun feminismo ilustrado. Xorde un dos temas centrais do libro, que logo derivará en conflito entre racionalismo e ciencia, por unha banda, e superstición e relixión, por outra: a democratización da cultura e do coñecemento. Así, nun momento dado pregúntalle Viviana a un Merlín transformado polo seu afán político e de cristianización (páx. 61): “Dime Merlín, en que se diferencia iso que propós daquilo que un día xuraches combater? A sabedoría só en mans duns poucos, só unha élite con control do coñecemento…” É así como (páx. 68) “os defensores da divulgación do coñecemento decidiron retirarse a Ávalon, e facer da lendaria illa un lugar para o estudo, aberto a todo aquel que chegase ás súas beiras movido polo afán de sabedoría e busca da verdade”. Non é acaso o mantenemento do pobo na ignorancia, na alienación e na superstición, e as políticas destinadas a tal fin, unha forma de ditadura? Eis as polarizacións básicas: celtismo fronte a cristianismo, superstición (relixión) fronte a ciencia, ditadura fronte a democracia (feminismo). Porque o feminismo só pode ser democrático e porque non hai democracia sen feminismo.

Finalmente, sinalaría o feito de que,ademais, a autora procede a subverter, acaso perverter ( père-version, darlle a volta ao pai, como ironizaba a psicanálise postestruturalista), todo o xénero da materia de Bretaña. E isto faise, facilmente, modificando os valores de cada un dos protagonistas: Viviana pasa de ser bruxa a ser sabia; Merlín, de mago a traidor; a raíña Xenebra, de doce e xentil a sinistra e desorientada; e tutti quanti…

Celebramos a publicación desta Morgana en Esmelle que dá conta do extraordinario momento que está a atravesar a escrita feminina na nosa tradición literaria e sitúa a Begoña Caamaño (xunto con Iolanda Zúñiga, Rexina R. Vega, María Reimóndez, Inma López Silva, Anxos Sumai…) como protagonista dun especial esplendor.

 

 

 

 

Advertisements

One thought on “Sobre Morgana en Esmelle

  1. Pingback: Morgana en Esmelle de Begoña Caamaño

Os comentarios están pechados.