Fábula do sol e da lúa

Sun-Moon

Se tivese que definir nunhas poucas palabras o que ten sido o devalar da poesía galega ao longo das tres últimas décadas inclinaríame por empregar unha metáfora, acaso aséptica de máis, mesmo excesivamente abstracta, que consistiría en botar man dun dos recursos máis manidos da mitocrítica (corrente interpretativa, como se sabe, dos textos literarios que tende a ver en calquera ficción, en calquera fábula, a presencia daqueles elementos imaxinativos máis primixenios: os catro elementos, as catro estacións, a noite e o día…), e falaría deste período como un consecutivo sucederse do sol e mais da lúa. Tentarei explicarme.

En primeiro lugar o sol tomaríao emprestado do coñecidísimo poema de Celso Emilio Ferreiro “Monólogo do vello traballador” no que un falante lírico, definido no propio título, asegura que “agora tomo o sol/pro até agora…”. Sempre me chamou a atención este baño de sol, que a xulgar pola frescura que segue a ter o poema vai camiño de se converter en insolación. Sobre todo porque ese tomar o sol era, máis alá do que se poida considerar, unha magnífica metáfora da época. Racionalismo, realismo, compromiso en tanto que termos que cabía tirar dese sol metaforizado para convertérense en consignas. O poeta, como o traballador ao que lle cede o seu discurso, consegue tomar o sol, despois de “cincuenta anos sen sosego”, e esa claridade lumínica, que é tamén conceptual, non é máis que o preludio da revolución que “mentres o tomo espero”. Algunha vez interpretei tamén o “tomar” non no sentido obvio senón no obtuso, isto é, como se quixese dicir conquistar, tomar por asalto, etc. De tal maneira que esa verticalidade “agora conquisto o sol” reflectiría moito mellor o conflicto parterno-filial que ten toda verdadeira oposición á tiranía, fronte á fraternidade revolucionaria. Algo que os mitocríticos considerarían opoñendo a disposición vertical fronte a horizontal.

A lúa tomaríaa, sen dúbida, dun dos grandes poemas dos inicios dos oitenta. Refírome ao “Encontro na Fonte Gaia” de Xabier R. Baixeras, onde se nos relata a ascensión dun viaxeiro á cidade de Siena e no que se executa este extraordinario hendecasílabo: “o que entregado ás sombras e ao luar…”. O luar da propia intimidade, a lúa que emite a súa luz sen poder evitar que se formen sombras arredor das cousas. Esa luz interior e dubitativa, esa mestura de luz e de sombra, esa luz negra. O que sen dúbida nos levaría a outro destino ben diferente, un destino romántico ou simbolista, europeo, de plenitude culturalista.

Así que esta oposición de sol e lúa conlevaría tamén as outras oposicións. Desde o punto de vista social (o traballador fronte ao intelectual), cultural (cosmopolitismo fronte a cultura autóctona, como se puidesen existir sen térense en conta mutuamente), xeracional (a xeración dos cincuenta fronte á dos oitenta) etc.

Creo que malia os esforzos de moitos aínda seguimos nesa atmosfera lunar que inauguraba o poema de Baixeras. Ou, dito doutro xeito, que non dá saído o sol. Sei que algúns levan tempo procurando que saia, acaso coñecedores intuitivos deste sentido rotatorio que parecen seguir todas as cousas. E é que, como moi ben saben os insomnes, o sol non sae porque un o queira. Así que, se tiver que definir estes tempos, acaso apostaría polo metáfora da madrugada, cando o sol verdadeiro, aínda brillante a lúa, só encontra a súa metáfora na luz insípida dun espectral flexo.

Advertisements