Canseira

end-of-the-road

Nalgún daqueles meses, que sempre, ao regresar,
xa inmune aos abandonos dos homes e os seus lapsos,
insomne percorrías ferido polo inverno
chegaches a saber en páxinas sen rumbo
un voo de flores secas e cancións
que xa ninguén cantaba.

Non eran máis que vidros, tirados dalgún río,
diamantes construídos nalgunha epifanía
daquelas que chegaban entre alcol
e fumes barbitúricos.
Mais tiñan o solpor medrando entre as palabras,
o azul da tarde lonxe a consumirse,
a sombra dunha ave debuxando no horizonte.

O resto foi inútil.
Esforzos sen obxecto.
Titánicas canseiras.

Advertisements