Pastorela

Acacia

Entre as árbores, Aurelia, as máis belas as acacias.
Mais, quen aclama a súa excelencia?

Engalanándote de oboes que poñen prata sobre a terra
e unha breve oferenda de cinza nas augas
pasas, garza, sixilosa, a ebriedade da súa sombra,
culminada entre os vapores que anteceden a paisaxe
e son resquicios olvidados polas algas
mentres neva no verán unha luz alta que me arrinca
dores cárdenas e brotes
de dalias
no silencio
e vas tecendo o fío doutra tarde para as Parcas,
rescatándome febril como a túa ausencia
se, profeta do declinio, ainda soño cos ocasos
ou se, eremita, na soidade do deserto planto flores
que non xerminarán.

Pois nas árbores, ah Aurélia, tan fermosa como a acacia,
treme o pano das túas roupas que abanean na estación
de brisa lánguida e nacente
e hai asombro de mirarte convocándome nas frautas
que aínda tanxe o vello Pan
se, caduco, entre os poemas deito ás veces tantos lirios
como agosto me concede
ou se, funéreo, me culmino cos loureiros da tristeza
e pervagando polos ríos durmo á sombra dalgún chopo.

Porque, Aurelia, destas árbores ti es acaso a máis devota
e só eu aclamo a túa excelencia.

Advertisements