O TRIUNFO DA MIRADA: JEAN BAPTISTE COROT

village-de-presles-vers1850-jean-baptiste-corot

Se a vista é a plasmación do real en simbólico, a mirada é
a plasmación da vista en imaxinario.

QUEN CHEGUE desde fóra verá que na distancia
A casa se vertebra en liñas sucesivas
De ocre e de marrón.
E nada máis distante da terca realidade.
Mais vese neses tons que baixan desde o negro
A abrir unha lixeira luminaria
Que ás sombras dunha noite sucede unha mañá
E son estes panascos, as herbas destes prados,
O símbolo da vida, o acceso dun fulgor.
Difícil camiñar seguindo o trazo leve
Da man ou do pincel. Non hai sinal ningún
Que asome destes lenzos, do púrpura até o negro,
Carente de misterio, do enigma abandonado.
Pois todos levan dentro, insólita, unha chama.
Por iso esas presenzas de xentes, de cabalos,
Non teñen máis sentido que darlle realidade
Ao tempo que se deixa prender nesta mirada.
E o Tempo, ese devir, figura na estrañeza
Da casa, do camiño, das árbores que erixen
O branco amarelado da estrada ou do mencer,
E forman unha escura redoma de cristal,
Un vidro que se inclina tomando posesión
Do mundo e da distancia.
Acaso un remuíño de lagos e de norias,
Cisternas ou estanques, acequias, lavadeiros,
E zanxas que se abriron, cunetas, socavóns.
Pois nada máis distante do cadro e da emoción
Que encher co meu discurso o ilóxico, inefable,
Aquilo que non pode prenderse nas palabras,
Fundirse na inclinada cromática do día,
No inicio da súa longa, vital fosforescencia.
Fracaso, pois, do verbo e triunfo da mirada.

Advertisements