AMOR POR DON QUIXOTE

quijote_clasico

NACÍN como quen dorme hai case medio século
No medio do verán. Meu pai estaba alí.
Puxérase a reler as páxinas dun libro
Que logo coñecín. O libro co que, anos
Máis tarde, morrería,
Sumido no seu voo polas idades:
A historia do enxeñoso fidalgo don Quixote,
Un libro que o absorbía, que sempre o namoraba.
Eu mesmo herdei o libro,
Mais non aquela heroica xornada de alto xullo,
O día en que empezamos a chorar,
Tamén a respirar.

O certo é que nacín, xa digo, vinte anos
Despois de que a contenda civil agonizase
E o mundo encamiñase dereito outras idades,
Agónico por veces, recente moitas outras,
Nos tempos en que a forza da historia recupera
O rumbo que semellan tomar os nosos días,
Quén sabe cara a onde.
O certo é que nacín.
De súpeto meu pai ergueu a ollada e viu
Que había un percorrido directo desde o fondo
Daquela historia louca ao neno que prendía
A casa co seu pranto.
E púxose feliz ollando aquel varón,
Mirando aquel mociño que a idade proseguía
De músicos e bardos, lectores e eremitas.

 

E soubo que se abría coa brisa unha cancela.
Que, ao fondo do lugar, detrás dunha figueira,
A tarde descorrera o aramio da existencia
E o tempo se achegaba, sen dúbidas nin pausas.

Agora que pasaron ben máis de catro décadas
Despois daquel evento, terrores é que sinto
Ao ollar como nos leva o río das idades
Fundidos no seu seo.

Despois do nacemento a vida foi ditando
O libro que escribía inédito o destino.
Un libro que se abría e sempre en cada páxina
Dispuña unha caricia dos ventos, unha brisa
Soprando sobre o río dos días, da mirada.
E sempre alí, meu pai, relendo naquel libro,
Tomando algunha nota, ficando adormecido,
Coas lentes sobre os ollos, disposto a proseguir
Sumido na lectura do insólito fidalgo.

Así que Don Quixote mais eu temos un longo
E antigo achegamento. Os dous fomos o centro
Da ollada daquel home os anos en que o mundo
Viraba para sempre,
A ollada daquel home, meu pai, que se afanaba,
Nas longas peroratas, romances e elexías,
Do louco cabaleiro.
Os dous somos ficcións e estrañas realidades.
Os dous entretecemos a dor que rexe o mundo
De altísimos propósitos, de loucos ideais.
Os dous a percorrermos camiños, soidades,
Sabendo que nos ollan os tempos con desprezo,
Sabendo que son outras as épocas, os meses
Que entendan o fluír do canto que cantamos,
Do canto que cantamos.

Un home que pasaba o tempo a cavilar
Nos soños de Cervantes
Amar tiña que amar que o fillo proseguise
O rumbo dos destinos do autor e o personaxe.
E así medrou o neno. Errante e cabaleiro,
Insomne, soñador.

 

 

 

Mire vuestra merced, señor, pecador de mí, que yo no soy don
Rodrigo de Narváez, ni el marqués de Mantua, sino Pedro Alonso,
su vecino; ni vuestra merced es Valdovinos, ni Abindarráez, sino el
honrado hidalgo del señor Quijana.
Cervantes

Advertisements