Xardín

tumblr_m31wyftCU71qiuhqdo1_500

As noites van dispondo aneis de fráxil néboa nos lindes do meu mar

e os ecos que altas aves difunden cara abaixo

posúenme en acordes turbulentos,

sinais de frautas graves afundidas

como vellas goletas preñadas con ouro

ou de harpas que tanxen o voo dunha liña

afastada e distante.

Nas altas alboradas

a terra adquire un brillo tan roxizo

que hai un soño de arxila poboando no mar

o vaivén dos cabalos que corren a praia

ou sinalan no asombro outro lenzo de longas areas.

E unha alauda que chega no medio da tarde,

acendendo unha esfinxe de casas ao lonxe,

vén abrir unha caixa de vidros antigos

e fechar un castelo,

o xardín onde soño o teu rostro embazado de sombras.

Advertisements