Fada

tumblr_m5etp7kSKH1qiuhqdo1_500

 

Partira dos lugares que chaman Dinamarca

nun verán de cinza báltica e antiga,

devastado polo anseio de adentrarme nos mais nórdicos asentos

e contemplar na súa brancura a noite diminuta, o día que non morre.

As ánforas de arxila que gardan o solpor

quebráranse vertendo mais tinta que silencio

e aquel que outrora fun, errante ou viaxeiro,

comezara a furar no interior das súas criptas,

inclinado ante a beleza dos lugares,

cavilando na nostalxia de ter sido, como as horas,

preguizoso e fluvial, fuxidío, silente.

E foi entón cando eu ollei á nena da flor de música. E díxenlle:

"Ti has ser a raíña das fadas dos lagos de Irlanda". E ela díxome:

"Só pertenzo á comitiva

das que van en auxilio dos bardos doentes

ou dos homes que fican feridos nun voo de melodías.

Nada levo comigo que poida curar a túa estraña nostalxia

mais hei contemplar longamente o debuxo que forma a túa boca ao falar

e, no fondo da noite, serei fiel e distinta".

E díxenlle:

"Eu son a inminencia do crepúsculo

e ti un despertar de paxaros silvestres".

Advertisements