Signo

pond-moonlight2-600x400

Gastei a tarde enteira, revoada de paxaros,
á espera de que a lúa se asomase,
un vidro que se ergue tomando posesión
da unión de terra e lume, dos aires e das augas.
Mais nada foi verdade. A noite se achegou
cromada de silencio polas tebras.
Acaso un orfeón, sinistro, tenebroso,
andaba polos parques con estatuas,
a cámara cortando o fío da tristeza,
xa náufraga e perdida,
co peso da derrota.

Saquei un pano vello dos de abrir
na flor das despedidas
e díxenlle acendido
nun voo de melopea:
Adeus, astro lunar,
escura exhalación
oculta tras as nubes,
sumida na cobiza dos soños da distancia,
son meus estes salgueiros
que antano frecuentabas
e miñas estas barcas
que o longo río acouga,
non deixes que os fantasmas
che dean a mirar
a chave do meu fado,

que teñan tempo aínda de ollar o meu fracaso.

E a lúa foise abrindo por tras daquel outeiro.

Quen sabe como ler tamaño signo.

Advertisements