Do océano e a noite

A nave en que crucei os séculos da vida

E foi en voos de dorna ou de tristeza,

Mancado o corpo ingrato na longa singradura,

Levoume ata a distancia dos anos no faiado

Papeis que se perderan e fotos, vellas fotos,

Retratos e instantáneas de xentes que sentín

Berrando contra o mundo e as décadas e o fume.

 

A nave en que levei as ánforas de antano

E fun repartidor de aceites e fariña

E andei polas ribeiras de outrora procurando

Un círculo, unha chaga, un sol de flor caída,

Pertence á longa frota dos barcos corroídos

Que verten a ferruxe e o metal

No sangue case azul do mar antigo.

 

Baixel e bastimento, navío, embarcación,

Xa sombra do que un día me serviu

Pra dar conta do océano e a noite.

 

Advertisements