Nostos

tumblr_m2dor3MqeP1qakafjo1_500

Quen, heroico e regresado da tristeza que hai no curso das viaxes, lembre a terra florecida nun remoto día de abril e, entregado a ese desexo de caer para o que foi, deite a luz da súa mirada sobre as árbores que emerxen e despose o seu pulmón coa brisa quente que hai na tarde, sabe ben o que é, feliz, chegar de volta á súa orixe. Nada turba o seu clamor. Todo está no seu principio.

Advertisements

Palabras

tumblr_m0u9tcRSWH1rrzl5xo1_500

Olla agora como a tarde,

que enxergabas deitada no linde do río,

vai descendo para o fondo:

a derrota das súas augas desvelándose entre a alpaca,

o reflexo dos azougues corrompéndose na néboa,

as efixies dos salgueiros derrubando na súa umbría

o lamento esvaído da brisa.

E non penses que o misterio destas páxinas é inútil

ou que a lúa remota xa ascende entre os vidros

para darche unha luz que eu deixei esquecida

no silencio da aurora.

E se en van a tarde é breve como todo o que perdura

ou, tanxendo aquelas harpas que soñaban outonizas,

vai descendo entre as alaudas,

para logo convocarnos ao seu claustro de tristeza

e sentir que o seu fluído foi perdido para sempre,

lembra a liña dos teus ombros pairando sobre o mar,

a maneira en que foras chegando ata a praia na illa.

Pois a noite só procura culminarse de oferendas,

espreitar o regreso de outubro no ceo

e ir mollando os altos céspedes das gándaras,

a canción desolada que deixan caír os salgueiros no río:

ese cálice roto que verte ouro antigo,

o silente debuxo das aves nas augas.

E é por iso que non debes ver misterio neste ocaso

se da longa travesía voltas núa para darme

o loureiro da túa fronte

ou das noites culminadas poIa sombra vas furtándome palabras

para logo ofrecerme o seu voo e eu saber que te afastas.

Nota

Kacper Kalinovski 2

Ten os labios culminados por un voo de auga sombría,

unha noite sobre os brazos que me leva e fosforece

co lamento remoto de estrelas acesas

e aínda os ombros espallados por outeiros que contemplo

difundindo o seu céspede lento no aroma da tarde,

ateigando de flores diversas o cumio da pel.

 

Leva dentro a sinfonía de tristísimas alaudas

desvelando na neve o seu corpo cinsento

e ten as horas percorridas pola voz que vai ditando

un fluído calado de tebras e sol,

mentres xime para as aves unha lágrima de choupo,

mentres clama profecías ante o pórtico da luz.

 

E é que sabe das miradas os clamores máis profundos,

o sentido lonxincuo que existe na aurora

e dá música ás flautas, segundos ao tempo.

Pode aínda debuxarse como un páxaro no ceo,

declinar por entre as árbores cantando a súa tristeza,

abaterse contra as luces do crepúsculo con cinsa na súa voz,

se por algo que lIe brilla sobre os labios sabe certo

que regresa do tempo unha chama esvaída,

que camiña a estación unha bátega nova,

ou se, despois de convocarme para o íntimo nun libro,

deixa un pó de abatemento nos armarios,

olla as pombas durmir no tellado dunha igrexa

e xa me dita a profecía:

“vai entrar unha idade de asombros e pranto”

Teleoloxía dos soños

misty_lighthouse_by_orionebula-d3diaz3

E foi que moitas noites

eu vía nos meus soños

a luz daqueles faros

no horizonte.

Dicían sabias voces

da experiencia mariñeira

que as luces eran signos

doutro mundo.

Que nunca os que quixeran

chegar a aquelas terras

puideron arribar

a algunha praia.

E foran carne fácil do naufraxio.

Pagaran coa existencia unha visión.

O prezo dun agoiro, un vaticinio,

prognóstico de néboa e luz azul.

 

Mais eses son os rumbos que seguimos,

miraxes e delirios que nos guían

quen sabe con que obxecto,

con que fin.

Lóstrego

Eu vivín entre os incensos que aínda espallan os oboes

debuxados no tremor da terra lenta

procurando non perderme nin descer para o camiño

coa bagaxe que me deran tristes anos e quebrantos.

Fun a terras moi distantes contemplándome na alpaca

que o mar deita cando a tarde se debruza

e hai un fío de emocións

entre as árbores que cantan

e, despois de abrir os ollos e ver todo o que se erguía

coa beleza das columnas dos templos,

dei en ser doente mozo da nostalxia,

un devoto máis nos lares do seu culto

para ornar de albas flores e vellos candís con aceite

a súa pira de morte.

E se algo vin que posuíse o arrecendo estival dunha illa

foi a pel das donce!as que do alto baixaban hortensias

e nas túnicas puñan un lóstrego branco.

Elas foron o máis doce que ollei

e o seu corpo se une agora nalgún vínculo abstracto

a eses mármores vellos e praias de Grecia.

Todo o outro foi engano, algo incerto que vivín

e que agora non ata máis ave que o ocaso,

unha corda de escuro que hei anoar

e que un día ha soster o meu corpo acabado.

Xardín

tumblr_m31wyftCU71qiuhqdo1_500

As noites van dispondo aneis de fráxil néboa nos lindes do meu mar

e os ecos que altas aves difunden cara abaixo

posúenme en acordes turbulentos,

sinais de frautas graves afundidas

como vellas goletas preñadas con ouro

ou de harpas que tanxen o voo dunha liña

afastada e distante.

Nas altas alboradas

a terra adquire un brillo tan roxizo

que hai un soño de arxila poboando no mar

o vaivén dos cabalos que corren a praia

ou sinalan no asombro outro lenzo de longas areas.

E unha alauda que chega no medio da tarde,

acendendo unha esfinxe de casas ao lonxe,

vén abrir unha caixa de vidros antigos

e fechar un castelo,

o xardín onde soño o teu rostro embazado de sombras.

Fada

tumblr_m5etp7kSKH1qiuhqdo1_500

 

Partira dos lugares que chaman Dinamarca

nun verán de cinza báltica e antiga,

devastado polo anseio de adentrarme nos mais nórdicos asentos

e contemplar na súa brancura a noite diminuta, o día que non morre.

As ánforas de arxila que gardan o solpor

quebráranse vertendo mais tinta que silencio

e aquel que outrora fun, errante ou viaxeiro,

comezara a furar no interior das súas criptas,

inclinado ante a beleza dos lugares,

cavilando na nostalxia de ter sido, como as horas,

preguizoso e fluvial, fuxidío, silente.

E foi entón cando eu ollei á nena da flor de música. E díxenlle:

"Ti has ser a raíña das fadas dos lagos de Irlanda". E ela díxome:

"Só pertenzo á comitiva

das que van en auxilio dos bardos doentes

ou dos homes que fican feridos nun voo de melodías.

Nada levo comigo que poida curar a túa estraña nostalxia

mais hei contemplar longamente o debuxo que forma a túa boca ao falar

e, no fondo da noite, serei fiel e distinta".

E díxenlle:

"Eu son a inminencia do crepúsculo

e ti un despertar de paxaros silvestres".

Errante

 

tumblr_m37q8ehUS51qzq84io1_500

Soubera neses signos que adornan o percurso

do inverno sobre as gándaras do alén

que aquela era a viaxe que eu sempre procurara,

un fío sen máis linde que o tempo e a mirada,

un íntimo novelo de luz ou de cristal.

Despois sentín os dedos e puxen na caricia

tremor dalgunhas lúas soñadas noutro inverno

e todo se me foi para ese olvido,

prendendo a miña voz nun cárcere que ardía.

Latían no seu bico as ondas do meu son

e daban a quen fose falarlles da experiencia

recónditos debuxos en páxinas sen nada,

a murcha flor que brota nos cuartos máis fechados.

E souben que alí estaba o meu desexo:

un páxaro de cinza ferido polas augas.

E entón fuxín de alí e andei errante un ano.