Ao voo dunha flor de laranxeira

Escher - Belvedere

Estar ben estaría alá no norte frío
queimando algúns ramallos pra dármonos calor,
as cordas do piano na tarde esparexendo
un voo de cinza e auga.

Andar ben andaría no medio deses prados,
cangado cos meus soños sen porvir
nun marco xa de pedras e de sombra.

Falar ben falaría pra ti naquela altura,
deposto como un rei interrompido,
como un grave misterio, un adusto silencio.

Que formas parte xa da lúa do desexo,
da zona en que fumegan aínda vellos lumes,
do círculo en que xacen os vidros espallados
das torres que caeron.

Advertisements