A un vello retrato de M. M.

Carl Perutz New York 16 June 1958

Hai máis de trinta anos, no fondo da distancia,
un demo que se oculta debaixo desa túnica,
mostroume a túa beleza,
a voz nebulosa do enigma,
os títulos secretos da tarde na pel.
 
Daquela florecían nas ruínas dos soños
as luces do crepúsculo,
borralla entre os espolios, bucólicas doenzas,
o mesmo que as tormentas nas noites debuxaban 
as torres que perdín.

O outono derrubara os brazos das estatuas
e todos acenderan candeas como signo 
da chegada dos cometas,
na brisa os teus cabelos a tremer,
feridos pola néboa do infortunio.

E vin como o xarrón cromaba as flores secas,
redomas a filtrar a luz doutro verán,
un barco que afastaba a hora derradeira.

 

foto de Carl Perutz, New York, 16 de xuño de 1958

Advertisements