Do alto dun outeiro

samadghorbanzadehphoto2

Que tardes moitas tardes de outono ou de verán
en dar co acorde fresco, sinal de que ha chover,
que prende nas cancións insólitas madeixas
de tempo co seu leve devalo cara ás sombras.

Que teñas nese afán o tempo que precisas
e eu poida contemplalo, fugaz mais de vagar,
un barco que apousase as áncoras na tarde
caendo entre as figueiras derramadas por outubro.

Que así de leve sexa o fin da nosa vida.

Que os tránsitos enormes que os astros executan
percorran estes corpos sen ira nin furor,
felices de tocar a nosa harpa, sequera por un día,
e paren a escoitar tamaña hortensia,
o ímpeto deteñan co arrecendo do teu canto.

Que sexan, pois, ben gratos os teus días,
os días que aínda faltan,
as tardes de verán, de outono e primavera,
as longas noites frías dos invernos,
e os bosques da paixón e as herbas da nostalxia.

Que os lumes máis sagrados
do alto dun outeiro
descanses enxergando.

Advertisements