nevertheless

tumblr_m3gzn66GRx1qf6a2zo1_500

Hai verbos derrubados, palabras case murchas,
gardadas por alguén que as trouxo de ultramar,
que falan do imposible, do tempo, dos espazos.

E logo dunha longa, escura travesía,
de sombras e silencios no fondo da floresta,
mal poden calibrar a música que espallan,
celestes derramando a néboa luminosa,
paquetes que se envían ao sur do esquecemento.

Non temos máis que abrir a caixa das imaxes,
das liñas que atravesan a noite e van tecendo
cancións como artiluxios mecánicos, pistolas,
dispostos para sempre no soño da distancia,

E ver que viven soas no fondo dos seus pozos.
Falacias, ilusións, pantasmas irisadas
que deron en mostrar a chave que abre as bocas,
os panos a virar na flor da despedida.

Oh labres de poetas que o século abrasou,
seguindo a prefixada derrota da paisaxe.

Advertisements