Da fe que non profesas

tumblr_m03wciaMMI1qf4r9bo1_1280

Feliz quen coma ti, sentado xunto ao río,
relembra as melodías que arderon por abril,
os signos que ficaron do tempo no seu paso.

Non temas o vaivén das ondas e o naufraxio,
o cráter que derrame as lavas dun incendio
nun saco de desexos frustrados polo inverno,
disposto contra o fondo do palio do solpor.

Pois ti que agora sabes o prezo de vivir,
e andas asubiando nos aires desolados,
deitado na confusa poeira das palabras,
non falas xa do tempo, dos límites do espazo,
da luz que pode entrar, do inverno que ha chegar.

Que son as túas medallas as grandes cicatrices,
imaxes que transcenden nun voo de transparencia
a fe que non profesas nos verbos e nos nomes.

Advertisements