Nota

tumblr_m134pvmGq01rs1djgo1_400

Querida Estrela: despois de tanto tempo e acaso cando xa o meu nome é para ti unha nube cincenta que segue a voar polo ceu da memoria, diluída polo paso das idades, encontro nuns volumes antigos unha nota que deixaches hai xa bastantes anos. Un cálido arrepío me percorre ao contemplala. Sen dúbida eran instantes moi felices para nós e ti quixeches que esas horas perdurasen. “Espérame esperto. Virei cedo. Levareiche unha flor e nostalxia”. E o debuxo de dous abrazándose. Agora que releo doume conta da crueldade. E se esa nota devalou polo alto río dos meses para vingar algunha afrenta ben podes crer que foi vingada. A luz do teu desexo segue acesa para min. Nada me impide regresar a aquela cama.

Advertisements