Das fliegende hollander (O holandés errante)

holands_thumb

A nave esmacelada, as velas afundidas
na antiga desventura, no íntimo desastre
dos ecos da soidade, aquel reverberar 
que agora rexe a terra sen lei e sen afecto
como un pó que o vento fose solitario a esparexer
sedento como o sal e triste tal Saturno…

a nave esmacelada, digo, insisto,
chegou ao porto ingrato das últimas feridas,
despois de andar perdida nos pánicos da néboa,
na sombra a cunca erguida de brindar,
na voz unha laranxa florecida
en maios que pasaron e perdemos.

Coñece ben o río destas augas,
o xeito en que a harmonía dos astros nos convoca
a un tempo de esplendor
a década que dorme no fondo dos faiados
desde hai séculos e séculos.

Non son máis que dez anos
ou cento vinte meses,
dous lustros de instaurar
a antiga redención.

A nave esmacelada na antiga desventura.

As velas afundidas no íntimo desastre.

Advertisements

Ao voo dunha flor de laranxeira

Escher - Belvedere

Estar ben estaría alá no norte frío
queimando algúns ramallos pra dármonos calor,
as cordas do piano na tarde esparexendo
un voo de cinza e auga.

Andar ben andaría no medio deses prados,
cangado cos meus soños sen porvir
nun marco xa de pedras e de sombra.

Falar ben falaría pra ti naquela altura,
deposto como un rei interrompido,
como un grave misterio, un adusto silencio.

Que formas parte xa da lúa do desexo,
da zona en que fumegan aínda vellos lumes,
do círculo en que xacen os vidros espallados
das torres que caeron.

A un vello retrato de M. M.

Carl Perutz New York 16 June 1958

Hai máis de trinta anos, no fondo da distancia,
un demo que se oculta debaixo desa túnica,
mostroume a túa beleza,
a voz nebulosa do enigma,
os títulos secretos da tarde na pel.
 
Daquela florecían nas ruínas dos soños
as luces do crepúsculo,
borralla entre os espolios, bucólicas doenzas,
o mesmo que as tormentas nas noites debuxaban 
as torres que perdín.

O outono derrubara os brazos das estatuas
e todos acenderan candeas como signo 
da chegada dos cometas,
na brisa os teus cabelos a tremer,
feridos pola néboa do infortunio.

E vin como o xarrón cromaba as flores secas,
redomas a filtrar a luz doutro verán,
un barco que afastaba a hora derradeira.

 

foto de Carl Perutz, New York, 16 de xuño de 1958

Prolegómenos ao recitativo “Ach, Golgotha, unsel’ges Golgotha” da Paixón segundo San Mateu de Bach e á aria que lle segue

Había un arrecendo de fósforo e de néboa
e o sol desdebuxaba nas láminas da tarde
un libre itinerario,
as liñas encurvadas do seu fío,
sumido na cobiza das longas despedidas.

Deposto ante o fracaso, final e consumido,
fuxindo do seu fado, xa libre do destino,
aberto para sempre ao soño da distancia,
el deu un paso adiante e dixo: “aquí cheguei”
e o brado foise oír alén dos barcos próximos
que dormen o seu sono na ribeira
como un longo foguete de pólvora branca.

Despois de ter honrado o templo con hortensias
logrou esparexerse no ánimo e no gozo,
como un raio de luz que esclarece e ilustra.
Dispuxo acordes graves, o xúbilo nupcial,
sentido nalgún punto do sangue entre a tristeza,
discurso derramado nun cólico de cinza.
E impuxo o rumbo exacto nos mapas que manexa.

Que escoita, disque, hai días, a chegada da ruína.

“Que ben mesturas, Bach, coa sombra deste outono!”

seica foi a súa proclama.

Errantes entre ruínas

tumblr_m9sj31EPNI1qa4w1io1_500

Berlín era unha sombra de piano,
con teclas de tristeza.

E o século baixaba,
un río transparente de augas solitarias,
os campos sen debuxo de árbores e sombra,
erguendo estatuas grises, velados promontorios,
un eco devastado de lóstregos e chuvia,
queimando unha bandeira de abril pola distancia.

Ao lonxe andaba o outono turrando do silencio,
os meses conxelados quecendo no seu niño,
os bosques da memoria debaixo da luada,
cangados coa agonía da esperanza.

Dicían que levabas tatuada unha canción.
Mais nada era verdade.
Nos días en que demos en chorar
por algo tan abstracto,
por algo inaccesible,
errantes entre ruínas, museos e palacios

Berlín era unha sombra de piano.

Alguén dixo despois que aquilo era unha illa,

un cálice dourado de viño delicioso,

os restos fumegantes do delirio.

Do alto dun outeiro

samadghorbanzadehphoto2

Que tardes moitas tardes de outono ou de verán
en dar co acorde fresco, sinal de que ha chover,
que prende nas cancións insólitas madeixas
de tempo co seu leve devalo cara ás sombras.

Que teñas nese afán o tempo que precisas
e eu poida contemplalo, fugaz mais de vagar,
un barco que apousase as áncoras na tarde
caendo entre as figueiras derramadas por outubro.

Que así de leve sexa o fin da nosa vida.

Que os tránsitos enormes que os astros executan
percorran estes corpos sen ira nin furor,
felices de tocar a nosa harpa, sequera por un día,
e paren a escoitar tamaña hortensia,
o ímpeto deteñan co arrecendo do teu canto.

Que sexan, pois, ben gratos os teus días,
os días que aínda faltan,
as tardes de verán, de outono e primavera,
as longas noites frías dos invernos,
e os bosques da paixón e as herbas da nostalxia.

Que os lumes máis sagrados
do alto dun outeiro
descanses enxergando.

O río

veado2_thumb

Despois da liña gris que arde nos outeiros
e dános outras cores, cromáticos indicios,
con ecos de distancia na tarde derramada,
lixeira, unha fragrancia, nun voo como de ave
nas terras e nos lentos camiños do solpor,
a serpe deste río que ao lonxe se fatiga,
un louco anacoreta, un cervo que fuxiu.

Espectro que se deu a errar polos camiños 
en busca de ribeiras, de illas e naufraxios,
e vidros para espellos quebrados polo espanto,
de torres que caeron ou foron clausuradas
na estrema occidental da Europa devalante,
o río pinta agora, no curso dos meus días,
no rumbo dos meus anos,
borrosos pentagramas de néboa, de emoción.

Que a terra é sabedora dun deus que se esparexe,
un deus de néboa e fume,
de alpaca e de cristal.

maldito país

photographicsurrealism1_thumb

Raza escura galaica

de rústicos instintos

que inxusta sacrificas

os teus mellores fillos;

madrasta desleirada

de designios cativos,

proxenie ignava e inculta

que aborreces teus ínclitos;

da polvorosa gleba

pobo tan só engreído

e ás cousas inclinado

dos escuros sentidos;

¡ai de ti, dura raza,

de proceder esquivo…

Eduardo Pondal

Ah, meu país,

Meu maldito país.

E pensar que che entreguei o mellor da miña vida

Para só recuperar froitas murchas e fracasos.

Para sempre arriarei do meu peito a túa bandeira.

Vapor de melodías

 

tumblr_maubjh9NKW1qz5q5oo1_500

Un día no que alguén sentiu a sede ignota
dos aires que nos levan ao indómito fracaso
o rostro debrucei na palma das túas mans 
no centro da enramada das árbores dun soño,
sen outra perspectiva que gándara gloriosa.

Non era máis que tempo, espido e sen linguaxe,
resquicio dunha antiga, caída construción,
cumprindo unha condena de néboa na existencia,
as sombras do que fora un barco abandonado.

Acordes de outonía, silencios de metais,
felices no vagar, errantes neste voo,
acaso atraizoaron o brillo da memoria,
tinxida de horizontes e chairas e distancia,
as nubes debuxando efémeras paisaxes.

Mais eu, que estaba alí, cos ollos opacados,
sen luces que ferisen solemnes a paixón,
entrei por unha porta e vin nun bosque antigo
vapor de melodías, borrallas e derrotas.

Círculo

 

tumblr_mbehz1S6eS1qhwveto1_500

Así que agora  pintas un signo no papel,
un rumbo para noites sucesivas,
a búxola dos días disposta por azar
nun deus que non existe.

Que alguén che entregue a sombra do corpo esparexida
no fume que xa ascende do ferro da cociña,
nos líquidos que o mundo che impoña na conciencia.

Que chegues coas fogueiras ao límite dos ríos,
por longos arreguizos, tremores de distancia,
cruzando un vello azougue, unha árbore, unha torre,
o eclipse e a negrura de antigas luces níveas
no centro dos insomnios,
a entrar feliz no voo da nova primavera.

Que pintes finalmente un círculo na pel.
Pois esas son as regras do xogo da ruleta: 
aquela que xa ergue o lábaro da gloria,
esoutra que se afunde nos pozos do fracaso