A voz

Giuseppe-Mastromatteo-Indepensense

 

Mandei calar un día os meus adentros.

Fagan o favor. E foi como o momento en que se afinan

as cordas dun concerto. Choraban os violíns

por daren un mi baixo e viñan as violas,

violonchelos a entrar no mesmo túnel,

un voo de sombras cálidas e mestas,

o lago en que se ollaban as nubes pola tarde.

(Sentín algo de frío.

Falarmos quenta o corpo.

Calar, ás veces, é

sinónimo de morte.)

E houbo afinación. As voces acordaron,

mostráronse empastadas sen bulicio,

cesaron os rumores, calaron os ruídos.

Falou de vez aquela que supuña

ser voz da intimidade:

o canto que aínda arrola o sono máis profundo.

E tiven que fuxir.

Xamais dei aturado o xeito en que dirixe

os cólicos de cinza,

as quebras dos cristais.

Advertisements