Tagebuch II

Elliott Erwitt

Do vento que proviña do fondo da mañá chegaron algúns signos.

Anacos das bandeiras que se ergueran nos soños do mencer,

cristais que esparexeran antigas redomas agora rebentadas polo tempo,

farrapos dos vestidos que os príncipes usaran nun baile xa esquecido.

 

E púxenme a mirar para os espellos

levando unha canción prendida no cabelo,

as portas viseladas dos roupeiros

que alguén bañou un día con azougue

e agora andaban cheas de cancros e de cinza.

 

E vin como saían dos meus ollos as imaxes

durmidas sobre os prados da retina:

cabalos que pasaran había moitos anos

seguindo a vella senda do solpor,

os bois que tempo atrás turraban dos invernos

levando unha lameira sobre o lombo,

o incendio dalgún monte erguéndose no alto,

os aires posuíndo a fumarada.

Advertisements